A Xunta destina máis de 1,4 millóns de euros a financiar a contratación de 122 perceptores da Risga nos concellos da área territorial de Vigo
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informa que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a orde de axudas a entidades locais para favorecer a inserción laboral de persoas en situación vulnerable
Sinala que esta medida completa a outras medidas para favorecer a creación de emprego no ámbito local como a contratación de socorristas ou persoal para a prevención de incendios
A delegada territorial da Xunta en Vigo informou hoxe que a Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a orde de axudas a entidades locais para favorecer a inserción laboral de persoas en situación vulnerable, destinando máis de 1,4 millóns de euros á contratación de 122 persoas perceptoras da Risga (Renda de Integración Social de Galicia), que se encargarán de realizar obras ou servizos de interese xeral nos seus respectivos municipios.
A distribución destas achegas na comarca viguesa é a seguinte:
Concellos | Traballadores | Importe |
Mos | 5 | 79.582,05€ |
Baiona | 5 | 73.418,20€ |
Redondela | 10 | 153.558,72€ |
Soutomaior | 5 | 54.258,75€ |
Salceda de Caselas | 5 | 51.081,84€ |
Fornelos de Montes | 2 | 20.154,42€ |
O Porriño | 20 | 204.327,16€ |
Nigrán | 5 | 72.512,10€ |
Mancomunidade de Vigo | 2 | 21.151,06€ |
Gondomar | 10 | 119.735,10€ |
Cangas | 10 | 134.000,34€ |
Vigo | 40 | 411.409,19€ |
Moaña | 3 | 41.521,95€ |
TOTAL | 122 | 1.436.710,88€ |
A representante autonómica explicou que esta medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias.
O importe da subvención que se concede ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de nove meses.
Fernández-Tapias incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos galegos.
Así, referiuse a outras liñas de axudas que o Goberno galego resolveu recentemente, como as do programa Aprol Rural, que destina 197.000 euros para facilitar a contratación de 12 persoas desempregadas que levarán a cabo tarefas de prevención de incendios en 14 concellos da área de Vigo; e os apoios por valor de 71.000 euros para cubrir 24 postos de socorristas que vixiarán as praias e piscinas de seis municipios da comarca viguesa durante o verán.
Asemade, a Xunta de Galicia financia con 1,8 millóns de euros cinco obradoiros de emprego de Garantía Xuvenil na área territorial de Vigo para formar a 80 mozos e mozas nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor.