A Xunta impulsará coa Confederación de Empresarios de Galicia o talento empresarial feminino como clave na recuperación tras a covid-19
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe en Santiago de Compostela un acordo marco co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, para a realización dun congreso que terá lugar en setembro para promover o emprendemento feminino
O obxectivo é visibilizar a contribución das mulleres ao ecosistema laboral galego e defender a necesidade de contar co liderado feminino para facer fronte aos novos retos da economía
A Xunta fomenta a igualdade laboral a través da formación das persoas traballadoras, organizacións empresariais e sindicatos da que se beneficiaron máis de 1.200 persoas entre febreiro e xuño deste ano
O programa Emega permitiu nos últimos doce anos poñer en marcha co financiamento autonómico 900 proxectos empresariais liderados por mulleres que crearon 1.416 postos de emprego feminino en Galicia
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe en Santiago de Compostela co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, un acordo de colaboración para impulsar o emprendemento feminino como clave na recuperación tras a covid-19. No marco desta iniciativa, que terá unha vixencia de catro anos, celebrarase no mes de setembro un congreso que baixo o título Emprendedoras: Talento empresarial feminino visibilizará a contribución das mulleres ao ecosistema laboral galego e defenderá a necesidade de contar con liderado feminino para facer fronte aos novos retos económicos. Trátase, en palabras de Lorenzana, de “promover o emprego e o talento en clave feminina no camiño da recuperación trala covid-19”.
A conselleira de Emprego e Igualdade sinalou que para conseguir unha verdadeira igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é preciso ir da man de mulleres referentes e de líderes femininos destacadas tanto na actividade pública como na privada. Así no marco do congreso, que terá lugar o día 17 de setembro, diferentes personalidades femininas de Galicia de numerosos sectores económicos e sociais avaliarán as propostas de futuro e os retos que son precisos afrontar para rachar o teito de cristal. Entre outras, asistirán como relatoras Lupe Murillo, directora xeral de Pescamar; Chelo Domínguez, directora xeral de GKN Driveline; Fuencisla Clemares, directora xeral de Google España e Portugal; ou María Dolores Calvo, presidenta da Adega Condes de Albarei.
Lorenzana destacou que para a Xunta é prioritario loitar pola a igualdade laboral e, neste senso, indicou as actuacións que está a desenvolver o departamento autonómico que dirixe para acadar este reto. Así, indicou que existe un triplo plan formativo negociado no seo do Diálogo Social para a formación de traballadores e traballadoras e das organizacións empresariais e sindicais en materia de igualdade. Trátase da primeira formación impulsada por unha Administración autonómica dirixida a garantir que os axentes sociais teñan un coñecemento mínimo en materia de igualdade laboral. Este plan, que conta con accións formativas de 8 a 35 horas, beneficiou xa, entre os meses de febreiro e xuño deste ano, a 1.200 persoas.
A Xunta, ademais, puxo en marcha webinarios específicos sobre o rexistro retributivo nas empresas, o teletraballo e a conciliación ou a corresponsabilidade na realidade da empresa, entre outras temáticas. En total, celebráronse 11 webinarios e formáronse entre os meses de marzo e maio un total de 1.333 persoas.
Ferramentas en igualdade
A Consellería de Emprego e Igualdade conta, ademais, con diversas ferramentas que puxo a disposición da cidadanía e do tecido empresarial para avanzar na consecución da igualdade real no eido laboral. Así, destacan o portal web da igualdade laboral; a guía para a elaboración do Plan de igualdade na empresa para orientar ás empresas sobre os elementos esenciais no proceso de elaboración, implantación e seguimento do plan; e a web de autodiagnose en igualdade laboral, un recurso innovador que permite ás empresas avaliar de xeito periódico o seu nivel de madurez e impacto en relación coa igualdade de xénero.
Lorenzana, así mesmo, fixo referencia ao programa Emega para promover o emprendemento feminino ao que a Xunta destinou nos últimos 12 anos máis de 10 millóns de euros, o que permitiu financiar 900 proxectos empresariais liderados por mulleres que crearon 1.416 postos de emprego feminino en Galicia.
“Seguimos apostando por unir esforzos e sumar recursos, neste caso coa CEG, para dar voz a mulleres emprendedoras e a empresas emerxentes con nome de muller”, apuntou a conselleira. Na súa opinión, é “o camiño correcto” de cara a seguir avanzando, pechando a fenda salarial e mellorar o acceso, as condicións e a promoción da muller na empresa.