Os alumnos do obradoiro de emprego Vencellos da memoria dixitalizan os arquivos municipais de Ribadeo e Barreiros

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 369.500 euros nesta iniciativa, que forma a 16 mozos e mozas desempregados

Lembrou que este labor terá continuidade no novo obradoiro que se porá en marcha proximamente, que conta cun orzamento similar e engade a especialidade de Educación medioambiental
 

Barreiros (Lugo), 12 de agosto de 2021

Os 16 alumnos e alumnas que participan no obradoiro de emprego Vencellos da Memoria están a traballar na organización e dixitalización dos fondos documentais dos concellos de Ribadeo e Barreiros. Durante unha visita a este último -acompañado pola alcaldesa, Ana Ermida, entre outros-, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tivo a oportunidade de coñecer algúns dos proxectos levados a cabo nos últimos meses.

Arias sinalou a importancia de “garantir a conservación do patrimonio documental que recolle a intrahistoria do municipio, e facilitar o acceso dos veciños e veciñas aos documentos administrativos de maior consulta”.

A Consellería de Emprego e Igualdade inviste 369.500 euros nesta iniciativa, que entra na súa recta final xa que está previsto que remate no mes de setembro. Neste sentido, Arias lembrou que terá continuidade nun novo obradoiro de características similares -denominado Territorio Vivo-, que tamén compartirán ambos concellos, con idéntico orzamento da Xunta e igualmente dirixido a menores de 30 anos, co obxectivo de xerar novas oportunidades laborais para outros 16 mozos e mozas. Neste caso, xunto coa especialidade de Grabación e tratamento de datos, impartirase a de Interpretación e educación medioambiental.

Os obradoiros de emprego ofrecen aos participantes a posibilidade de formarse e adquirir experiencia profesional, mediante un contrato de traballo, en profesións de boas perspectivas de empregabilidade; ao mesmo tempo, desenvolven obras e servizos en beneficio dos municipios que os promoven.

Arias apuntou que son “unha das principais apostas da Xunta no marco das políticas activas de emprego”, e por elo a Consellería vén de ampliar nun 50% o orzamento inicialmente previsto este ano para poder financiar a totalidade dos obradoiros duais solicitados. A Administración autonómica investirá finalmente nestes programas 34,2 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas