A Xunta formará a 36 persoas desempregadas en novos obradoiros de emprego en Santiago de Compostela, cun investimento de 717.000 euros
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, clausurou hoxe no Concello de Santiago o obradoiro de emprego para persoas mozas ‘Santiago Sustentable II’ que formou a 16 persoas no deseño de produtos audiovisuais
A representante da Consellería de Emprego e Igualdade resaltou a importancia de que esta formación se adapte ás necesidades de futuro do mercado
Santiago celebrará unha terceira edición deste taller dirixido a persoas mozas desempregadas e contará con outro obradoiro dual que formará a 20 persoas
A Xunta ven de lanzar a súa maior convocatoria de obradoiros duais cunha dotación de máis de 34 millóns para favorecer a empregabilidade de 2000 persoas
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura do obradoiro de garantía xuvenil de Santiago, Santiago Sustentable II, que este ano formou a 16 persoas en deseño de aplicacións con tecnoloxía web e aplicacións audiovisuais.
Durante o acto, a directora xeral anunciou que Santiago de Compostela celebrará unha nova edición deste obradoiro de emprego de garantía xuvenil para 16 persoas, Santiago Sustentable III, e contará con outro obradoiro dual, Creas IV, este ano. Ambos os dous suman un investimento de 717.000 euros dirixido a favorecer a ocupación des persoas desempregadas mediante a formación e o acceso a contratos de traballo.
Lado felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados. “Os obradoiros de garantía xuvenil téñense demostrado como un dos mellores e máis efectivos instrumentos para a mellora da empregabilidade das persoas que toman parte neles, isto é así porque se centran na realización de obras ou prestacións de servizos de interese xeral e social que posibilitan a realización dun traballo efectivo”, remarcou.
No obradoiro hoxe clausurado, os 16 alumnos formáronse en dúas especialidades con “moita demanda de emprego”, apuntou a directora xeral. Trátase de Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. “A formación en tecnoloxía é unha especialidade que constitúe un xacemento de emprego de presente e con moi boas perspectivas de futuro”, dixo Lado.
A directora xeral lembrou que os obradoiros son exemplo de eficiencia e coordinación entre administracións, orientando os esforzos de todas as implicadas a ofrecer os mellores resultados.
A Xunta ven de reforzar os programas de cualificación de persoas desempregadas na convocatoria de obradoiros duais fallada esta mesma semana. Con máis de 34 millones acádase un orzamento histórico para chegar en toda Galicia a cerca de 2000 persoas.
A directora xeral subliñou que a comarca de Santiago contará con 9 talleres de emprego ete ano, seis duais ordinarios e tres para persoas mozas que suporán un investimento de máis de 3,5 millóns de euros.
“Estes obradoiros permitirán que un total de 168 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas”, dixo Lado. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de garantía xuvenil de 12.