A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións, situadas no concello de Ortigueira

A Xunta financia 15 prazas públicas de atención á discapacidade na nova residencia de Aspromor

Deste xeito, financiará un total de 46 prazas de atención desta entidade, entre as 31 que xa tiña no centro ocupacional e as 15 desta residencia

Os orzamentos do ano 2022 permitirán crear 280 novas prazas de atención diúrna e residencial de atención á discapacidade

Ortigueira (A Coruña), 3 de novembro de 2021

A Xunta financia 15 prazas públicas de atención á discapacidade na nova residencia da Aspromor en Ortigueira. A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe as instalacións, onde sinalou que a Xunta reforza a confianza nesta entidade tras o labor realizado durante os últimos anos na comarca de Ortegal.

A conselleira lembrou que, deste xeito, a Xunta pasará a financiar 46 prazas de atención desta entidade: 31 que xa viña financiando no centro ocupacional e 15 nesta nova residencia, das que 10 serán de atención terapéutica e 5 para persoas gravemente afectadas. A Xunta destinará, así, a Aspromor un total de 513.000 euros anuais.

Fabiola García destacou que o obxectivo do Goberno galego é achegar servizos a todas as persoas que o precisen, vivan onde vivan. Neste sentido, apuntou que os orzamentos da Xunta para o ano 2022 permitirán crear 280 novas prazas de atención diúrna e residencial de atención á discapacidade, o que permitirá chegar ás 5600 en toda Galicia, un 30% máis que no ano 2009.

Imaxes relacionadas