O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu ao acto conmemorativo do Día Universal dos Dereitos da Infancia

A Xunta participa na constitución do grupo de participación infantil da Plataforma de Organizacións de Infancia

Está composto por máis de 30 nenos, nenas e adolescentes que recollerán ideas e necesidades da mocidade galega

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na constitución do grupo de participación infantil da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG). Esta é unha das iniciativas que se están a desenvolver en conmemoración do Día Universal do Dereitos da Infancia, o 20 de novembro, e que a plataforma celebra nesta edición baixo o lema A nosa voz, os nosos dereitos.

Este grupo de participación infantil está integrado por máis de 30 nenos, nenas e adolescentes que recollerán ideas e necesidades da mocidade galega. Hoxe realizouse a sinatura da acta fundacional e a exposición das achegas dos grupos galegos ao proceso participativo polos dereitos da infancia.

Pola súa banda, Jacobo Rey puxo en valor o papel desta organización infantil, que loita a diario polos dereitos das nenas e dos nenos. Neste sentido, sinalou que a Xunta de Galicia iniciou no pasado mes de outubro a tramitación do Consello Galego de Participación Infantil e Adolescente para impulsar estratexias e iniciativas á súa disposición.

Cohesión e concienciación

O Consello Galego de Participación Infantil e Adolescente é unha solicitude reiterada pola mocidade que permitirá conseguir máis cohesión e concienciación no conxunto da sociedade galega sobre a necesidade de protexer os dereitos da infancia e da adolescencia. Así, este órgano estará conformado polos participantes nas comisións locais que pertenzan ao programa Cidades Amigas da Infancia e buscará solucións para as diferentes dificultades ás que se enfronta a mocidade desde o consenso e a colaboración.

Imaxes relacionadas