O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Política Social, participou hoxe na sinatura desta folla de ruta co presidente da Fegamp e con representantes das entidades sociais

Feijóo asegura que a Axenda Social Única 2024 'marca o camiño a seguir para a Galicia unida, responsable e comprometida dos próximos anos'

Destaca que o 96% dos propósitos recollidos na impulsada no ano 2016 xa se cumpriron, como o programa de Vivendas Baleiras, o Bono de alugueiro social ou o programa de mediación contra desafiuzamentos

Lembra que este ano 2021 destináronse máis de 400 millóns de euros na posta en marcha das medidas recollidas neste documento, máis que todo o executado nos catros anos da anterior axenda

Resalta que en 2022 a nosa Comunidade vivirá outro gran fito en materia de loita contra a pobreza, a nova Lei de inclusión social de Galicia, que adaptará as prestacións autonómicas á nova realidade xerada tras a pandemia

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a Axenda Social Única 2024 “marca o camiño a seguir para a Galicia unida, responsable e comprometida dos próximo anos”.

Díxoo no acto de sinatura deste documento que servirá de guía para as actuacións que se impulsarán nos vindeiros anos en materia social por parte da Xunta, a Federación galega de municipios e provincias e as entidades sociais de Galicia. Ademais do titular do Goberno galego, participaron na sinatura a conselleira de Política Social, Fabiola García, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e representantes da Rede de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia), Cruz Vermella Galicia, Cáritas Diocesana Galicia e ONCE Galicia.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que esta folla de ruta foi impulsada no ano 2016 entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e as entidades sociais para poñer en común metas, camiños e prioridades.

“Os obxectivos da Galicia de onte son a realidade de hoxe”, destacou, referíndose a esa primeira iniciativa -a Axenda Social Única 2020- e sinalando, ademais, que o 96% dos propósitos recollidos nese documento xa se cumpriron. Neste sentido, puxo como exemplo algunhas iniciativas postas en marcha, como o programa de Vivendas Baleiras, o Bono de alugueiro social ou o programa de mediación contra os desafiuzamentos.

Logo de salientar que a pandemia impactou na cohesión social e tamén que diversos estudos apuntan a que a nosa Comunidade logra conter a desigualdade mellor que a media de España, Feijóo puxo de manifesto que Galicia non pode permitir que os vulnerables queden rezagados e que debe avanzar unida “escribindo o guión da loita contra a pobreza nos vindeiros 4 anos”, asegurou.

Nese sentido, sinalou que esa mesma unidade levou a deseñar unha “medida pioneira” durante a covid a nivel autonómico e estatal como foi a Tarxeta Básica. “É nos concellos onde as familias deben solicitala; é unha entidade social quen a tramita; e é a Xunta de Galicia quen a financia, con máis de 32 millóns de euros desde o día 1 de xullo de 2020”, asegurou. Precisamente, lembrou que estes fondos beneficiaron directamente ás economías familiares de máis de 57.000 galegas e galegos.

Máis retos e máis investimento que nunca: máis de 400 M€ en 2021

O presidente da Xunta resaltou, ademais, que os retos da Axenda Social Única son maiores que nunca e o investimento tamén. Desta maneira, lembrou que en 2021 destináronse para a posta en marcha das medidas máis de 400 millóns de euros, máis que todo o executado nos catros anos da anterior Axenda Social.

Do mesmo xeito, insistiu en que a tónica común das 93 medidas desta Axenda Social Única 2024 é atopar solucións. Por unha banda, para as persoas que precisan un fogar como punto de partida da súa inclusión social, e para o que se habilitarán 100 vivendas especificamente para elas, das que as primeiras 12 (en Ferrol e en Viveiro) entrarán en funcionamento nas próximas semanas. Por outra banda, para as persoas que sofren os efectos da fenda dixital, unha das causas de desigualdade máis notables deste século; e para as que precisan duns servizos sociais áxiles, modernos e dixitais, con máis eficacia e menos burocracia.

Así, sinalou a posibilidade de establecer exencións totais ou parciais para as persoas máis vulnerables ás taxas e impostos locais coma o do lixo ou de circulación; e ademais que as solucións tamén son para aquelas persoas que requiren de coidados profesionais nos seus propios domicilios, como demostra o acordo histórico acadado hai poucas semanas, a través do que a Xunta inxecta 70 millóns de euros adicionais nos Concellos para o Servizo de Axuda no Fogar, no que Galicia está no primeiro posto de España, con máis de 24.000 persoas atendidas polo cofinanciamento entre Xunta e concellos.

Feijóo aproveitou para recordar que en 2022 a nosa Comunidade vivirá outro gran fito en materia de loita contra a pobreza, a nova Lei de inclusión social de Galicia, que adaptará as prestacións autonómicas á realidade. Referiuse, máis concretamente, á Risga, que se reforzará para axudar ás familias con menores a cargo a afrontar o pago do alugueiro; e reducirase á metade o tempo de espera e a burocracia, tanto para acceder a unha Risga como a unha axuda puntual de inclusión social.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención resaltando a Axenda Social Única 2024 como o faro para todas as persoas que navegan na procura dunha Galicia máis cohesionada. “Estou seguro de que, cando cheguemos a porto, comprobaremos como na nosa Comunidade hai xa máis familias que poden pescar coas súas propias mans e artes os peixes que necesitan para poder vivir coa dignidade dun ser humano”, sentenciou.

Imaxes relacionadas