A Xunta repasa co concello de Cerdedo-Cotobade os distintos programas dispoñibles para a rehabilitación de equipamentos municipais

Ángeles Vázquez informa ao rexedor que esta semana abriu a convocatoria de dous incentivos dirixidos exclusivamente ás entidades para habilitar vivenda pública

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia repasou co Concello de Cerdedo-Cotobade as posibilidades ás que pode optar para acceder aos recursos públicos para mellorar o estado dos distintos equipamentos municipais. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Jorge Cubela, mantiveron unha reunión nos últimos días co fin de coñecer os proxectos de interese para o Concello.

Nese sentido, a conselleira recordoulle que esta semana o Instituto Galego de Vivenda e Solo convocou as axudas, por un importe de 2,5 millóns de euros, dirixidas exclusivamente aos concellos para ofrecerlles a posibilidade de rehabilitar inmobles e ofrecer vivenda pública aos seus veciños.

Trátase das subvencións para a recuperación de inmobles de titularidade municipal, cun orzamento de 2,1 millóns de euros, e para a rehabilitación de infravivenda rural, que este ano conta cunha partida de 370.000 euros.

Vázquez Mejuto lembroulle que outro programa é o Fondo de cooperación, dotado con 20 millóns de euros, a través do cal se facilitan créditos sen xuros cunha vixencia máxima de oito anos a concellos de menos de 50.000 habitantes que desexan executar actuacións de conservación e rehabilitación en inmobles da súa titularidade.

A conselleira sinalou que desde hai anos a Xunta mantén aberta unha liña de apoio ás entidades locais co fin de contribuír á mellora de equipamentos municipais, dos servizos públicos a disposición da veciñanza, así como á humanización e posta en valor das contornas urbanas.

Vázquez e Cubela tamén analizaron a posibilidade de colaborar, novamente, no desenvolvemento de proxectos que poñan en valor os espazos naturais do concello, como roteiros de sendeirismo ou actuacións de protección paisaxísticas. A conselleira felicitou ao alcalde polo seu interese sobre este tipo de iniciativas, coas que dá continuidade aos obxectivos do primeiro Pacto pola paisaxe de Galicia, o de Cerdedo-Cotobade, co que se facilitou a recuperación dos Baños de San Xusto, como aposta pola conservación do patrimonio natural e cultural.
 

Imaxes relacionadas