A Xunta avalía o impacto das tecnoloxías emerxentes no mercado laboral e identifica os traballos que se están a transformar para adaptar a oferta formativa

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na Coruña as conclusións dun estudo feito polo departamento autonómico no que se analizaron 15 sectores económicos estratéxicos para Galicia e 14 tecnoloxías emerxentes

Lorenzana sinala que o estudo permitirá contar cunha estratexia “ampla e vangardista” para garantir a estabilidade e fomentar o crecemento do mercado laboral galego e avanza a futura colaboración coa Universidade da Coruña e os principais clústeres implicados para orientar a formación á oferta de traballo

A iniciativa conclúe que os postos vinculados ao deseño e implantación de solucións tecnolóxicas contan cunha oferta de traballo elevada, polo que é preciso formar a profesionais neste eido para cubrir a demanda actual

Destaca que os traballos que impliquen tarefas repetitivas ou susceptibles de ser automatizadas e o labor dos operarios de produción transformaranse polo que se fai necesario que os traballadores adquiran novos coñecementos tecnolóxicos

A análise salienta tamén que as novas tecnoloxías están a producir cambios nos postos vinculados á toma de decisións e a procesos de vendas e comerciais

A Coruña, 21 de febreiro de 2022

O estudo de tecnoloxías emerxentes en Galicia, feito pola Xunta, no que se analizaron 15 sectores económicos estratéxicos e xeradores de emprego en Galicia e 14 tecnoloxías emerxentes vén de identificar os traballos que o proceso de dixitalización está a transformar e, polo tanto, requiren dunha adaptación da oferta formativa.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentou hoxe na cidade herculina as conclusións deste estudo que avalía, polo tanto, o impacto das tecnoloxías emerxentes na transformación dos postos de traballo, identificando cales se van a transformar, manter o teñen risco de desaparecer se non se adecúa a formación. Por iso, o estudo tamén revisa o grao de adecuación da oferta formativa actual e avalía as carencias formativas das persoas empregadas actuais co obxectivo de focalizar a oferta formativa na demanda dos novos perfís profesionais que xurdirán en Galicia nos vindeiros anos, como consecuencia da dixitalización e automatización que están a condicionar os empregos do futuro.
En palabras de Lorenzana, a Xunta busca con este estudo anticiparse e dar resposta ás necesidades que están a xurdir no mercado de traballo e poder contar cunha estratexia “ampla e vangardista” para garantir a estabilidade e fomentar o crecemento do mercado laboral galego. As conclusións fan necesario, segundo a conselleira, responder ás necesidades formativas que o mercado laboral require, ter en conta os sectores nos que os empregos se van ver máis afectados pola irrupción das tecnoloxías emerxentes, así como os ámbitos nos que xurdirán novos postos de traballo e facilitar a cualificación permanente das persoas, mellorando así, o emparellamento entre oferta e demanda. “É fundamental impartir unha oferta formativa adaptada ás tendencias en innovación e aplicación de solucións tecnolóxicas para o emprego”, engadiu.

Principais conclusións

O estudo conclúe, entre outros aspectos, que en Galicia a transformación tecnolóxica está a producirse a diferentes velocidades en función do tamaño da empresa e está a afectar dun modo distinto, segundo a categoría profesional ou segundo o rol que teña este posto dentro da cadea de produción. Segundo o análise, as empresas, na súa maioría pemes, están aínda nunha fase moi incipiente do proceso de transformación dixital, o que implica que este cambio producirase nun período de tempo curto.
O documento destaca que os postos vinculados ao deseño e implantación das solucións tecnolóxicas teñen unha alta demanda e un alto grao de empregabilidade, polo que a oferta de traballo é elevada e precisa de novos profesionais para cubrir a demanda actual; e indica que as persoas traballadoras que realizan tarefas repetitivas ou susceptibles de ser automatizadas precisan de novos coñecementos adaptados ao uso das novas tecnoloxías e a adquisición de novas competencias asociadas á supervisión ou revisión das tarefas que se roboticen. Así mesmo, salienta que o labor dos operarios de produción, con independencia do sector, transformarase polo que é necesario orientar a formación ao manexo de novas solucións tecnolóxicas.
Os empregos relacionados coa toma de decisións e con procesos de vendas e comerciais tamén están a sufrir cambios, segundo o estudo, que dun lado, indica que aínda que as responsabilidades principais manteranse nas tomas de decisión, están a modificarse o uso das ferramentas e tecnoloxías que se utilizan para analizar datos e tomar decisións, escoitar a voz do cliente e xestionar equipos presenciais ou en remoto. Con respecto aos traballos comerciais, sinala que deberían comezar a usar ferramentas de big data e análise de voz do cliente para unha mellor compresión.
Outro dos aspectos sobre os que incide este traballo realizado pola Consellería de Emprego e Igualdade é que neste novo escenario de transformación resulta esencial ofrecer novas oportunidades de aprendizaxe en coñecementos técnicos vinculados ao bigdata e á intelixencia artificial e tamén en habilidades brandas ou softskills.
Segundo un informe elaborado o pasado ano pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, a previsión é que en Galicia o 40% dos postos de traballo están en risco de sufrir grandes modificacións, o que, segundo a conselleira, fai necesario que “axudemos aos nosos traballadores a formarse e a facer unha transición fluída dos sectores que perden emprego aos que o precisan”.

Colaboración coa Universidade e os clústeres

Por iso, Lorenzana avanzou que a Xunta ultima un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para materializar as propostas formativas en accións reais, unha cooperación que se asinará a finais de marzo, e unha “sólida liña de colaboración”, cos principais clústeres implicados na recualificación profesional para comezar a impartir formación xa ao longo deste ano. A estas actuacións súmase a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que persegue tamén identificar necesidades formativas non cubertas no mercado laboral galego e facelo da man dos axentes socioeconómicos.
“Seguimos traballando intensamente Administración pública, Universidade e tecido empresarial galego para acadar xuntos o propósito compartido dunha Galicia que conte cunha forza laboral mellor formada e con mellor emprego”, concluíu.

Imaxes relacionadas