Lorenzana destaca no Parlamento a recuperación do mercado laboral de Galicia e a súa evolución positiva fronte aos efectos da covid-19

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reiterou hoxe o compromiso da Xunta coa creación de emprego de calidade e lembrou o mellor comportamento de Galicia con respecto ao Estado nos indicadores laborais

Apuntou que a comunidade galega tardou un só trimestre en recuperar o emprego perdido pola crise sanitaria fronte ao Estado que o fixo en cinco trimestres

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reiterou hoxe no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta coa creación de emprego de calidade, destacando que as políticas públicas que desenvolve o Goberno galego e a súa aposta polo Diálogo Social teñen como obxectivo que o mercado de traballo galego responda de xeito positivo aos efectos da pandemia. Salientou, ademais, o mellor comportamento de Galicia con respecto ao Estado na recuperación do emprego perdido durante a covid-19.
Así, destacou que a taxa de paro do cuarto trimestre do 2021, segundo a EPA, é a menor dos últimos trece anos en Galicia e se atopa case dous puntos por debaixo da do Estado: 11,6 puntos en Galicia fronte a 13,3 puntos en España. A comunidade galega, ademais, encadea oito anos de baixadas do paro durante este trimestre, acadou a segunda cifra máis alta de ocupados nun cuarto trimestre desde 2010 e a maior cifra de traballadores indefinidos de toda a serie histórica.
Indicou tamén, con respecto á EPA, que Galicia tardou un só trimestre en recuperar o emprego perdido pola crise sanitaria (no terceiro trimestre de 2020 xa había practicamente o mesmo número de galegos e galegas traballando que nos meses anteriores á pandemia), mentres que no Estado tardouse cinco trimestres, é dicir, ata finais de 2021 non se recuperou o número de ocupados previo ao inicio da covid-19.
Os datos do paro rexistrado tamén amosan a recuperación do mercado de traballo de Galicia polos efectos da pandemia, segundo apuntou Lorenzana. O desemprego caeu en xaneiro en termos anuais nun -17,23%, o maior descenso de toda a serie histórica neste mes. Respecto ao inicio da covid-19, o paro reduciuse nun -7,40%, duplicando case o ritmo de baixada que acusa o Estado (-3,79%).
Deste xeito, e, para rematar, afirmou que en Galicia, “ao contrario que no Estado, seguiremos apostando polo diálogo para seguir avanzando na creación de máis e mellor emprego”. Froito deste consenso cos axentes sociais, lembrou que a Xunta destinou en axudas directas aos autónomos e pemes máis afectados pola covid-19 máis de 600 millóns de euros.