A Xunta colabora coa Asociación Española contra o Cancro nun evento solidario no que se degustarán produtos galegos do agro e do mar de calidade diferenciada

A iniciativa, promovida polos chefs Kike Piñeiro e Charlie Otero, celebrarase este domingo no Parador dos Reis Católicos para recadar fondos en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro e contará coa participación da conselleira do Mar

O Goberno galego aportará para a causa producións con selos de calidade como Ternera Gallega, pescadeRías, Fabas de Lourenzá, Mexillón de Galicia, Pan de Cea, Tarta de Santiago ou distintas denominacións de orixe dos queixos galegos

Os 11 cociñeiros e cociñeiras que formarán parte desta acción tamén disporán de produtos do agro como Castaña de Galicia ou de Mel de Galicia, e do mar como o polbo, o ourizo de mar ou as voandeiras, para elaborar as tapas solidarias que poderán degustar os asistentes

As entradas para asistir a este evento teñen un valor de 25 euros, poden adquirirse a través deste enlace e o importe destinarase integramente á AECC
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2022

A Xunta colabora coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) aportando diversos produtos galegos do agro e do mar con indicativo de calidade diferenciada a un evento solidario que terá lugar o vindeiro domingo 27 de febreiro no parador compostelán dos Reis Católicos. O evento, organizado polo chef galego Kike Piñeiro e polo colombiano Charlie Otero, celebrarase entre as 12,00 e as 14,00 horas baixo o nome de 10 bocados solidarios e contará coa participación da conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Así, un total de 11 cociñeiras e cociñeiros elaborarán tapas solidarias que poderán degustar os asistentes tras aboar unha entrada por importe de 25 euros que irán dirixidos integramente á AECC. As entradas poden adquirirse a través deste enlace, onde tamén se pode realizar unha doazón en caso de non poder asistir a través do apartado denominado culler 0.
En concreto, os profesionais Charlie Otero e Estefanía Serrano elaborarán unha tapa con polbo galego do selo pescadeRías e Castaña de Galicia; Kike Piñeiro e Eloy Cancela traballarán con ourizo de mar de pescadeRías e queixo de Arzúa e, pola súa parte, Diego Domínguez, Maica Couto e Marcos Domínguez cociñarán con voandeira de pescadeRías e queixo de San Simón da Costa. No caso de Luis Romaní e Jorge Gago, conformarán unha tapa con Ternera Gallega e Mexillón de Galicia, mentres Álvaro Victoriano e Gerson Iglesias contarán con produtos de Mel de Galicia, queixo do Cebreiro e Fabas de Lourenzá. Para acompañar estas tapas, tamén se porá a disposición dos que contribúan á causa Pan de Cea e Tarta de Santiago. Os asistentes poderán degustar todos estes produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada ao tempo que gozan da actuación da cantante galega Najla Shami.

Con motivo da celebración do Día Mundial Contra o Cancro -o pasado 5 de febreiro- os cociñeiros Charlie Otero, de Cartagena de Indias, e Kike Piñeiro, de Santiago de Compostela, promoven a celebración da iniciativa 10 bocados solidarios co obxectivo de recadar fondos para a AECC e visibilizar e axudar ás persoas que padecen este tipo de enfermidade.