A conselleira do Mar participou hoxe no evento `10 bocados solidarios’ que acolle o Hostal dos Reis Católicos
Rosa Quintana destaca a alianza dos produtos do mar e do agro coa gastronomía a prol de causas solidarias como a loita contra o cancro
A iniciativa 10 bocados solidarios está promovida polo chef galego Kike Piñeiro e polo colombiano Charlie Otero co obxectivo de recadar fondos en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro
A Xunta aporta a este evento diversos produtos galegos do agro e do mar con indicativo de calidade diferenciada como Ternera Gallega, pescadeRías, Fabas de Lourenzá, Mexillón de Galicia, Pan de Cea, Tarta de Santiago ou distintas denominacións de orixe dos queixos galegos
Estes produtos son transformados en tapas solidarias polas 11 cociñeiras e cociñeiros que participan nesta acción e poden ser degustadas polos asistentes que previamente aboaron a entrada
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o papel da gastronomía en causas solidarias como a loita contra o cancro, algo que se reflicte, sinalou, en eventos como 10 bocados solidarios, que se celebra hoxe no Hostal dos Reis Católicos. Grazas a iniciativas coma esta, subliñou a titular de Mar, “contribuímos a seguir poñendo nome e apelidos a todos os valentes que diariamente perseveran, apoiados polas súas familias e un incrible equipo sanitario, para vencer a súa batalla persoal máis dura”.
Así o sinalou durante o evento 10 bocados solidarios, unha acción promovida polo chef galego Kike Piñeiro e polo colombiano Charlie Otero con motivo da celebración do Día Mundial Contra o Cancro -o pasado 5 de febreiro- e co obxectivo de recadar fondos en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Esta cita, subliñou Rosa Quintana, é unha mostra “de que cando dúas forzas se asocian, se multiplican”. Forzas, especificou, como a solidariedade entre Colombia e Galicia a través da cociña e o compromiso coa loita contra o cancro.
A Xunta colabora con esta iniciativa solidaria aportando diversos produtos galegos do agro e do mar con indicativo de calidade diferenciada. Estes produtos son transformados en tapas solidarias polas 11 cociñeiras e cociñeiros que participan no evento e poden ser degustados polos asistentes que previamente aboaron a entrada. Todos os fondos recadados en 10 bocados solidarios irán dirixidos integramente á AECC.
En relación aos organizadores e participantes no evento, Rosa Quintana puxo en valor o seu altruísmo e xenerosidade “por estar ao lado de quen máis o necesita” e apelou a actuar colectivamente para seguir axudando en causas como a loita contra o cancro.
O mar e o agro en bocados solidarios
Entre os profesionais que forman parte desta iniciativa están Charlie Otero e Estefanía Serrano, que elaboran unha tapa con polbo galego do selo pescadeRías e Castaña de Galicia; Kike Piñeiro e Eloy Cancela, que traballan con ourizo de mar de pescadeRías e queixo de Arzúa, e Diego Domínguez, Maica Couto e Marcos Domínguez, que cociñan con voandeira de pescadeRías e queixo de San Simón da Costa.
Pola súa banda, Luis Romaní e Jorge Gago conforman unha tapa con Ternera Gallega e Mexillón de Galicia, mentres Álvaro Victoriano e Gerson Iglesias contan con produtos de Mel de Galicia, queixo do Cebreiro e Fabas de Lourenzá. Para acompañar estas tapas, tamén hai a disposición dos que contribúan á causa Pan de Cea e Tarta de Santiago. Ademais da degustación, o evento tamén conta coa actuación da cantante galega Najla Shami.