Lorenzana destaca o labor do punto de intervención á muller con diversidade funcional da Asociación Íntegro que conta con máis de 40 usuarias

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, visitaron hoxe as dependencias

Mulleres con discapacidade de Cabana de Bergantiños, Malpica, Laxe e Ponteceso son beneficiarias do programa apoiado pola Xunta desde 2016 con 181.000 euros

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 2 de marzo de 2022

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, visitaron hoxe as dependencias da Asociación Íntegro desta localidade onde funciona, co apoio da Xunta, un Punto de Intervención á Muller con Diversidade Funcional (PIMD Rural) que na actualidade conta con máis de 40 beneficiarias.
A Consellería de Emprego e Igualdade colabora coa Asociación Íntegro apoiando o funcionamento do Punto de Intervención á Muller con Discapacidade no Rural desde a súa creación no ano 2016. Neste tempo, a Xunta destinou ao mesmo case 181.000 euros, co obxectivo de promover medidas específicas de loita contra a discriminación e desigualdade de oportunidades que sofre este colectivo; ademais de desenvolver actividades para facilitar o fortalecemento das mulleres do rural, contribuíndo á súa autonomía persoal e independencia.

“Se hai un colectivo que se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade son as mulleres con discapacidade que viven no medio rural, que sofren unha dobre ou mesmo tripla discriminación: por razón de xénero, de discapacidade e de falta de acceso a recursos e servizos minoritarios no medio rural”, resaltou a conselleira.

O Punto de Intervención ofrece información sobre programas e accións específicas das que se poden beneficiar estas mulleres, prestando apoio, por exemplo, en cuestións como a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas así como competencias para a mellora do perfil profesional. Tamén ofrecen asesoramento para incentivar a súa participación na vida en sociedade, atención psicolóxica e mediación familiar, sen esquecer as actividades de prevención da violencia de xénero.

Na actualidade máis de 40 veciñas de Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Laxe e Malpica participan no programa.
O PIMP de Cabana de Bergantiños, que da servizo aos concellos veciños, conta cunha psicóloga, unha terapeuta ocupacional, unha traballadora social e unha monitora de talleres. Basea a súa actuación na cooperación entre entidades e os concellos, na mellora das actuacións previstas nos plans de igualdade municipais e no reforzo da loita contra a discriminación e a desigualdade de oportunidades que sufre o colectivo da muller con discapacidade.
“Iniciativas como o PIMD Rural posibilitan chegar a persoas que se atopan en situacións máis complicadas e desfavorecidas, prestando de maneira personalizada servizos de proximidade e dotando de novos recursos ao noso medio rural”, incidiu Lorenzana, quen felicitou a Íntegro por facer que as veciñas e veciños con discapacidade da Costa da Morte conten desde fai 30 anos “cun espazo inclusivo e que traballa día a día na defensa dos seus dereitos”. A entidade neste tempo, dixo, “non deixou de perseguir este fin, ofrecendo unha atención integral e adaptada ás necesidades de cada usuario e usuaria, e traballando para conseguir unha contorna máis acolledora que valorice á diversidade”.

Imaxes relacionadas