Xunta, Ministerio de Traballo e Concello de Santiago avanzan a axenda da capitalidade da economía social
Á cita acudiron, entre outros, a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; a directora xeral de Economía Social do Ministerio de Traballo, Maravillas Espín; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
Toca destacou a importancia de que Santiago de Compostela ostente durante este ano Xacobeo a capitalidade española da economía social, unha fórmula de éxito que xera cada tres días unha nova empresa na comunidade galega
A economía social en Galicia agrupa máis de 7.300 entidades e empresas cun volume de emprego estimado de case 25.000 persoas
Santiago de Compostela acolleu hoxe a primeira xuntanza de traballo sobre a capitalidade da economía social que ostenta a capital galega. No encontro participaron en representación da Xunta, a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; por parte do Estado, a directora xeral do Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das Empresas (RSE), Maravillas Espín; e do Concello, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Políticas Sociais, Milagros Castro. Acudiron tamén á cita o presidente do Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal), Celso Gándara; e a investigadora especializada en economía social galega e docente da Universidade de Santiago de Compostela, María Teresa Cancedo.
A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, sinalou o interese do Goberno galego por continuar apostando dun xeito forte pola economía social como fórmula de éxito, que xera cada tres días unha nova empresa en Galicia. Destacou a importancia de que Santiago de Compostela ostente durante este ano Xacobeo a capitalidade española como unha gran oportunidade para dar a coñecer e difundir os beneficios que a economía social achega ao tecido produtivo; e salientou que a Xunta implicarase desde o principio en que a batería de accións conxuntas que se organicen se leven a cabo con éxito e supoñan un antes e un despois na consolidación deste modelo empresarial.
Pola súa banda, a directora xeral do Traballo Autónomo, da Economía Social e da Responsabilidade Social das Empresas (RSE), Maravillas Espín, indicou que a economía social en Galicia merece unha maior visibilidade, non só polo seu bo desenvolvemento, senón tamén polos beneficios que achega á comunidade que, segundo afirmou, tradúcese, entre outros, en traballos de calidade, inserción de colectivos vulnerables e arraigo nun territorio que conta cun forte medio rural.
“Queremos empezar o antes posible os traballos para a posta en marcha das actividades que se van desenvolver con relación a esta capitalidade”, indicou Sánchez Bugallo, que aproveitou a xuntanza para agradecer a elección de Compostela. “En Galicia, as empresas de economía social xogan un papel relevante, con máis de 25.000 empregos efectivos e é en Santiago onde teñen un maior desenvolvemento e onde está a sede da maioría. Cremos que é axeitado e oportuno e estamos moi contentos pola designación”, como capital española da economía social, recalcou.
Axenda conxunta
O encontro centrouse en consensuar as actividades concretas que formarán parte da capitalidade, definíndose unha primeira axenda conxunta e concretándose os detalles de colaboración financeira sobre este evento.
O intercambio de ideas serviu para reforzar as complicidades dentro do ecosistema da economía social, tanto galega como española, co fin de xerar oportunidades de desenvolvemento a nivel nacional, coa capital galega como epicentro, seguindo os exemplos exitosos das cidades de Teruel e Toledo nesta materia.
Ao longo dos próximos meses, desde Santiago avaliarase tamén o presente dun sector económico enraizado na sociedade co fin de potencialo ao máximo nos vindeiros anos e que esta capitalidade sirva como claro referente para outras cidades e territorios.
A economía social en Galicia agrupa máis de 7.300 entidades e empresas, cun volume de emprego estimado de case 25.000 persoas traballadoras e máis de 74.120 persoas socias, cooperativistas ou mutualistas (segundo o tipo de entidade). Toda a súa actividade xera ao redor do 7% do PIB galego.