A Xunta inviste 100.000 € na mellora da singularidade e accesibilidade dos núcleos de Nogueira do Miño e San Lourenzo de Barxacova na Ribeira Sacra

Nestes dous ámbitos realizáronse obras para acondicionar os lugares de acceso dos visitantes, asegurar os muros e valados existentes, e retirar maleza, co fin de reducir os impactos que afectaban e esta contorna próxima ao Camiño de Inverno

Estas accións están incluídas no Plan estratéxico da Ribeira Sacra, que conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros e que xa ten acadado fitos importantes
 

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia potenciou a singularidade e accesibilidade de dous núcleos localizados na Ribeira Sacra: Nogueira do Miño, en Chantada, e San Lourenzo de Barxacova, en Parada de Sil, tras a realización dunha actuación de mellora integral no marco do Pacto pola paisaxe.

O impulso destas dúas accións, que contaron cun orzamento de 100.000 euros —50.000 euros cada unha—, está xustificado pola súa proximidade ao Camiño de Inverno, un elemento patrimonial de singular valor; polo que os traballos realizados permitiron reducir os impactos paisaxísticos identificados nestes núcleos de interese arquitectónico.

No caso de Nogueira do Miño, que alberga o BIC Igrexa de Santa María, levouse a cabo a pavimentación do camiño principal de acceso para os visitantes, roza e limpeza do ámbito, reconstrución de muros e outros elementos, así como a instalacións de equipamentos de recollida do lixo, para evitar a proliferación de basuraleza nas inmediacións da coñecida como Capela Sixtina galega.

O núcleo de San Lourenzo de Barxacova é un dos puntos máis concorridos da Ribeira Sacra, por aloxar as sendas polo río Mao, a Fábrica da Luz —unha das primeiras infraestruturas hidroeléctricas construídas en Galicia— ou a Necrópole de Barxacova; e tamén polos servizos turísticos que ofrece, como o centro BTT e establecementos de hospedaxe.

As actuacións levadas a cabo neste núcleo consistiron na ampliación dun aparcadoiro existente, mellora dos sistema de valado e protección, reconstrución e limpeza de muros, así como a definición dun camiño de acceso ao núcleo e dun camiño interior.

Desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa colaboración do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, apóstase por este tipo de actuacións que melloren e optimicen estes núcleos, dado o seu potencial para promover un turismo sustentado no patrimonio cultural, na viticultura, na gastronomía e en contacto co medio natural.

Cómpre recordar que estas accións forman parte dos proxectos que se recollen no Plan de acción estratéxico da Ribeira Sacra da Consellería de Medio Ambiente, cun orzamento de 4,5 millóns de euros e en base ao cal xa se acadaron grandes fitos: a declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva de Biosfera, converténdose na sétima en Galicia; ou a declaración de Área de rehabilitación integral supramunicipal, coa que se está a potenciar a rehabilitación edificatoria e urbana.
 

Imaxes relacionadas