A Xunta avoga en Vigo pola colaboración público-privada para que Galicia lidere unha transformación tecnolóxica para o emprego “equilibrada e sostible”

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe no XXII Foro Tecnolóxico de Emprego, onde destacou o papel fundamental da Universidade nesta transición para impulsar o crecemento económico unido á igualade de oportunidades

Lado sinalou que o Goberno galego está centrado na posta en marcha da Axenda galega de capacidades para o emprego para facer fronte aos traballos do futuro, e destacou as conclusións do Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego

Vigo, 9 de marzo de 2022

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou hoxe en Vigo, no XXII Foro Tecnolóxico de Emprego da Universidade, a aposta da Xunta pola colaboración público-privada para que Galicia lidere unha transformación tecnolóxica para o emprego “sostible e equilibrada”. Neste senso, sinalou a importancia da Universidade, e do resto de axentes económicos e sociais, xunto coas administracións públicas, para a retención do talento e para a mellora da competitividade e a resiliencia do tecido empresarial, ligado, todo elo, á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Lado sinalou que a transformación tecnolóxica preséntase como “unha ferramenta e solución para o mundo laboral”, polo que explicou que a Xunta está a liderar diferentes proxectos neste eido, como é a Axenda galega de capacidades para o emprego. Trátase dunha ferramenta que permitirá, en palabras de Lado, dispoñer dunha oferta formativa para os perfís e competencias que serán necesarios para facer fronte aos empregos do futuro.
Nesta liña e para abordar este reto, puxo en valor as conclusións do Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego realizado pola Consellería de Emprego e Igualdade para poder elaborar unha proposta das cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro e tratar de prever, deste xeito, os futuros requirimentos formativos que serán demandados desde o mercado laboral.
O estudo baseouse na avaliación de 15 sectores económicos estratéxicos e xeradores de emprego en Galicia e 14 tecnoloxías emerxentes para identificar os traballos que o proceso de dixitalización está a transformar e, polo tanto, requiren dunha adaptación da oferta formativa.

Modernización do Servizo de Emprego

Así mesmo, a directora xeral sinalou que a Xunta traballa na modernización integral do Servizo Público de Emprego de Galicia que inclúe, entre outras accións, a mellora do procesamento e uso da información dispoñible utilizando os avances tecnolóxicos, a través dun sistema de información de analítica avanzada, para optimizar os servizos de intermediación laboral e un maior axuste da oferta e a demanda. Trátase de anticiparse ás necesidades da oferta e a demanda do emprego en Galicia facéndoo a través do uso do big data e a intelixencia artificial. O que se pretende é mellorar a atención que reciben os usuarios do Servizo Público de Emprego dotándoo de recursos e medios que faciliten a posta en marcha de políticas activas de emprego baseadas na “escoita activa” do mercado laboral.
“O noso obxectivo é acadar, a través dunha formación útil e adaptada ao mercado laboral, un emprego de calidade no que a tecnoloxía desempeña un papel fundamental como motor da competitividade e do crecemento económico”, rematou.