A Xunta destaca a incidencia das carreiras STEM no mercado de traballo e sinala a importancia de acceder a unha formación axustada á demanda laboral
A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na Coruña nunha mesa redonda organizada por Nordés Club Empresarial sobre as carreiras STEM. A iniciativa titulada Jóvenes #STEM, que forma parte do programa Femenino plural, pretende ser un espazo de inspiración para as futuras xeracións, tendo en conta que en 2030 máis do 80% dos empregos requirirán coñecementos vinculados ás ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas.
Toca respondeu ás preguntas formuladas polos preto de 50 alumnos de 4º da ESO dos diferentes colexios que participaron na charla, informándolles sobre as oportunidades laborais que na actualidade existen en postos relacionados coas carreiras STEM. Incidiu, ademais, na importancia de acceder a unha formación axustada ás demandas do mercado de traballo e en loitar pola igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, obxectivos prioritarios para a Xunta. A directora xeral sinalou, así mesmo, o apoio da Administración autonómica á formación e ao impulso do emprego entre os máis novos e as mulleres.
A Xunta ten en marcha na actualidade os programas Emprega Xuventude (51,8 millóns) e Emprega Muller (34,3 millóns) para favorecer a formación e o incremento das oportunidades laborais entre estes dous colectivos prioritarios para o Goberno galego.