O Plan galego de formación para o emprego supera este ano os 100 M€ para adecuar a cualificación dos traballadores ás demandas do tecido produtivo

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na reunión temática do consello asesor da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

Destacou que grazas ao Estudo de tecnoloxías emerxentes e a Axenda galega de capacidades, activados por este departamento, Galicia está a optimizar o talento e benestar do seu capital humano e a favorecer o crecemento do mercado laboral
 

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe, ante o consello asesor da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), reunido en Santiago de Compostela, a aposta redobrada que o Goberno galego está a facer para xerar novas e mellores oportunidades en Galicia.

Na xuntanza da CEG, na que tamén participou a presidenta da Fundación CEOE, Fátima Báñez, a conselleira salientou o Plan galego de formación para o emprego, dotado este ano con 100 millóns de euros, co que Galicia está a traballar para axustar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do tecido produtivo.

A nova edición do plan reforza a aposta con accións específicas para traballadores ocupados e desempregados e prevé bolsas para persoas sen emprego, actuacións para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por medio da experiencia e novas convocatorias en unidades formativas de empresas.

“O Goberno autonómico aborda a transformación do mercado laboral con gran contundencia e amplitude”, insistiu Lorenzana, quen enmarcou neste obxectivo tamén o funcionamento do campus virtual de formación para o emprego que formou 15.000 persoas o ano pasado; e mesmo a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, que incluirá un novo sistema de xestión da oferta de da demanda, a mellora dos espazos das oficinas de emprego e da formación do seu persoal traballador.

Estudo de Tecnoloxías Emerxentes
A conselleira de Emprego e Igualdade fixo referencia tamén á importancia de iniciativas como o Estudo de tecnoloxías Emerxentes ou a Axenda galega de capacidades que o seu departamento está a desenvolver para preparar ao mercado laboral galego ante as transformacións que lle afectan. “A formación resulta imprescindible para optimizar o talento e o benestar do noso capital humano e favorecer a produtividade e o crecemento económico”, apuntou.

O Estudo de tecnoloxías emerxentes que a Xunta ven de presentar, está a preparar á comunidade para dar unha “resposta axeitada” á transformación de determinados postos, aos novos perfís que xurden e aos que se deben crear nun futuro. O traballo evidencia a existencia de nichos de mercado con máis demanda como poden ser “os vencellados co deseño ou a implantación de solucións tecnolóxicas”. Tamén outros en risco de desaparecer como “reparadores de barcos, cociñeiros de comida rápida ou patronistas”.

Lorenzana referiuse, por outra banda, á Axenda galega de capacidades que a Xunta emprendeu o pasado novembro como “instrumento pioneiro para a cualificación da poboación galega”. A través da mesma, o Goberno galego aspira a mellorar a empregabilidade, optimizar a simbiose entre oferta de demanda de emprego, conseguir unha maior competitividade de tecido empresarial e reter o talento galego. “A Axenda entende a formación para o emprego como resultado dun gran pacto no que empresas, persoas traballadoras, organizacións sindicais, administración pública e sociedade une esforzos en favor dun maior benestar común”, remarcou a conselleira.
 

Imaxes relacionadas