A mellora da Unidade de Acción Formativa e o obradoiro de emprego Renova IV contribúen ao incremento das oportunidades laborais en Ames
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe as instalacións da UAF, onde puxo en valor a formación especializada que ofrecen os cursos para persoas desempregadas que se desenvolven alí e que apoia o Goberno galego
Salientou tamén que o obradoiro que impulsa Ames co financiamento da Xunta sobre montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas constitúe “unha ponte idónea” para a inserción laboral
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe as instalacións da Unidade de Acción Formativa (UAF) de Ames, onde puxo en valor as melloras realizadas nas súas aulas, así como a formación especializada que ofrecen os cursos que alí se desenvolven grazas ao apoio da Xunta. Tamén destacou que a cualificación que ofrece o obradoiro de emprego Renova IV, que impulsa o Concello, coa colaboración autonómica, está a permitir incrementar as oportunidades laborais das persoas sen emprego de Ames e a súa contorna.
Dun lado, sinalou que cada unha das accións realizadas na UAF están a impactar na mellora da inserción laboral das persoas sen emprego e están a contribuír a dar resposta á demanda dun mercado de traballo cada vez máis competitivo.
A directora xeral, así mesmo, referiuse ao obradoiro de emprego Renova IV, que ofrece formación especializada en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas e un contrato de traballo “nun sector innovador e de futuro”, engadiu Lado. Explicou o triplo dimensión dos obradoiros de emprego que, ademais de ofrecer formación e un contrato de traballo ás persoas sen emprego que participan neles, permiten a mellora de espazos públicos no ámbito local e contribúen á promover a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais galegas.
No caso de Ames, os alumnos e alumnas do taller desenvolverán a instalación fotovoltaica das depuradoras de Ameixenda e Milladoiro e o mantemento das emprazadas nos edificios municipais, entre outras actuacións.
“Os obradoiros e os cursos para desempregados constitúen a ponte idónea para a inserción laboral e están a dar un pulo ás oportunidades laborais dos galegos e galegas”, subliñou. Así, salientou a aposta da Xunta por unha formación para o emprego “transversal, eficaz e especializada que permita nunha inserción real no mercado de traballo”. Neste eido, Lado lembrou que a Consellería de Emprego e Igualdade está a investir este ano preto de 120 millóns de euros a través do Plan galego de formación para contribuír a crear “unha Galicia máis preparada e máis competitiva”.
Para rematar, apuntou que a Comunidade galega é “referente” na formación para o emprego coa que está a impulsar a mellora da empregabilidade dos galegos e galegas e está a dar “respostas precisas ás necesidades concretas do mercado de traballo”.
“Queremos seguir creando emprego e, para iso, apostamos pola modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia, por novos proxectos innovadores, pola orientación laboral e pola formación de calidade”, concluíu.