Cen persoas desempregadas participan no Programa integrado de emprego da Asociación de Empresarios de Redondela para ter máis oportunidades laborais
O PIE de Redondela está a formar as persoas beneficiarias en especialidades con alta demanda como a loxística, o márketing, a xestión e a transformación dixital
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou no encontro para o emprego e o emprendemento da Asociación de Empresarios de Redondela
Redondela (Pontevedra), 21 de abril.- A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura do Encontro para o emprego e o emprendemento celebrado pola Asociación de Empresarios de Redondela no marco do Programa Integrado de Emprego (PIE) que desenvolve esta entidade, onde destacou a efectividade destas accións que combinan formación e prácticas laborais para dar cobertura a sectores con demanda de emprego. No caso de Redondela, un total de 100 persoas participan no PIE que oferta catro itinerarios de ocupacións con proxección: loxística e produción, comercio e márketing, administración e xestión e transformación dixital.
Lado defendeu os PIE como “instrumentos efectivos” para mellorar as oportunidades laborais de persoas sen emprego. A través destes programas, ofrécese información, orientación, asesoramento e formación para o emprego por conta allea e propia e coa posibilidade de realizar de prácticas non laborais en centros de traballo.
Un total de 100 persoas participan na actualidade no programa integrado de emprego de Redondela, que se desenvolve cun compromiso de contratación por parte das empresas colaboradoras dun mínimo do 35% dos beneficiarios, aínda que a inserción media acadada nos últimos anos nestas actividades, dixo Lado, está a situarse en torno ao 40%.
A Xunta apoia o PIE de Redondela con 250.000€, grazas aos que os participantes reciben formación en catro itinerarios dirixidos a dar cobertura a algunhas das ocupacións máis demandadas na actualidade: loxística e produción, comercio e márketing, administración e xestión e transformación dixital.
“Quero facer fincapé no compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento destas iniciativas a prol da mellora da situación laboral das galegas e dos galegos que o necesitan, e facelo coma neste caso, da man das entidades que mellor coñecedes as necesidades dos veciños e veciñas e do tecido empresarial da contorna”, trasladou a directora xeral.
Desde o ano 2009 a Xunta de Galicia leva investidos en Programas Integrados de Emprego case 95M€, chegando a máis de 50.000 persoas formadas. O ano pasado, máis de 4.300 traballadoras e traballadores participaron nestas accións que en máis da metade dos casos foron desenvolvidas por entidades sen fins de lucro.
“Neste ano 2022 afianzamos unha serie de obxectivos, avanzando con paso firme no eido de proxectos de formación e colocación, e con apoios máis intensos para o caso dos colectivos vulnerables, na procura dun mercado de traballo inclusivo, que debe aproveitar as capacidades e os talentos de toda a poboación”, remarcou Zeltia Lado, quen anunciou que o Plan Galego de Formación 2022 “seguirá a ser un plan de referencia, comprometido, eficaz e innovador e contará con 117 millóns de euros para esta anualidade”.