Galicia pecha tres anos de traballo en Perú contribuíndo á mellora das condicións da pesca e da acuicultura na baía de Sechura
As accións do proxecto Acuipesca Perú, que financiou a Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, alcanzaron arredor de 2.400 beneficiarios e axudaron a incrementar a produción de cuncha de abanico e a mellora das condicións nas que se desenvolve esta actividade
Esta acción, coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar contou coa participación como socios de Anfaco-Cecopesca e Axuda en Acción Galicia así como do Ministerio da Produción e de Axuda en Acción Perú como socios locais
Galicia vén de completar tres anos de traballo no proxecto Acuipesca Perú, que permitiu aumentar a produción da cuncha de abanico e a elaboración de novos produtos con valor engadido, fortalecer as relacións entre as administracións públicas e os axentes do sector pesqueiro e acuícola e favorecer a diversificación e novos emprendementos neste eido. Esta iniciativa -coordinada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, financiada pola Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e Cooperación Galega- centrou os seus traballos na Baía de Sechura.
A acción foi desenvolvida por un consorcio no que ademais do Cetmar estiveron presentes Anfaco-Cecopesca, Axuda en Acción Galicia e o Ministerio da Produción e Axuda en Acción Perú como socios locais. O seu labor permitiu chegar a arredor de 2.400 beneficiarios relacionados coa pesca e a acuicultura nesta zona do departamento de Piura, en Perú.
Malia as dificultades derivadas da pandemia pola covid-19, que dificultaron o desenvolvemento normal das actividades previstas, o proxecto Acuipesca Perú cumpriu o seu obxectivo de incrementar a competitividade do sector da pesca artesanal e acuicultura na Baía de Sechura mediante o fortalecemento institucional e organizativo, a adopción de tecnoloxías e a sustentabilidade ambiental.
O proxecto contribuíu ao fortalecemento institucional a través de diferentes accións formativas dirixidas a funcionarios do Ministerio da Produción de Perú. Paralelamente procuráronse espazos de comunicación interinstitucionais e intersectoriais coa posta en marcha de mesas de traballo e diálogo que culminaron coa elaboración conxunta dun Plan Operativo da Pesca e da Acuicultura da baía de Sechura a tres anos.
As accións de Acuipesca Perú posibilitaron ademais a mellora das condicións laborais de moitos dos profesionais vinculados á actividade pesqueira e acuícola mediante o impulso de cinco normas de competencia laborais dos traballadores do sector, como os buzos ou as cuadrillas de descarga, entre outros. Tamén se fortaleceu a seguridade laboral no Desembarcadoiro de Pesca Artesanal (DPA) de Porto Rico, onde se entregaron equipos de protección individual e materiais fronte á covid-19 e se mellorou a xestión operativa noutros DPA, como os de Parachique e Las Delicias.
Cultivo de macroalgas
O traballo desenvolvido permitiu ademais diversificar o sector acuícola cara o cultivo de macroalgas. Neste ámbito leváronse a cabo dúas unidades demostrativas e púxose en marcha unha unidade de mantemento en terra aportando alternativas de cultivo e reducindo a dependencia dunha única especie, como é a cuncha de abanico.
Coa finalidade de fortalecer este labor, Acuipesca posibilitou a edición de dúas guías, unha sobre Diversificación acuícola cara o cultivo de macroalgas e un Manual de cultivo de Yuyo para a baía de Sechura, ferramentas ambas que axudarán aos maricultores no cultivo de macroalgas nas súas áreas de concesión.
Por último, o proxecto contribuíu á capacitación en emprendemento e liderado de arredor de 700 pescadores e acuicultores das organizacións pesqueiras artesanais (Ospas) e propiciou tres emprendementos liderados por mulleres, dándolle así visibilidade á súa presenza no sector e a mellorar as súas condicións económicas e de vida.
O proxecto Acuipesca Perú desenvolveuse entre xaneiro de 2019 e febreiro de 2022 e pechouse nos últimos días cunha xornada de presentación de resultados coa participación do viceministro de Pesca e Acuicultura de Produce, Mario Jesús Cavero Polo, e da directora-xerente, Paloma Rueda Crespo.