A Xunta invita aos concellos da comarca de Santiago a coñecer os distintos programas de axudas en materia de vivenda
Este é o terceiro encontro informativo ‘Construíndo Fogar’ que se celebra na provincia da Coruña e terá lugar o luns, 25 de abril, ás 10,30 h, no salón de actos da Consellería de Sanidade, coa participación de persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo
Ao encontro, aberto ao público en xeral, están convocados os concellos, empresas e entidades do sector dun total de 25 municipios
O obxectivo é informar das liñas de incentivos dispoñibles para facilitar o acceso a unha vivenda ou para a súa rehabilitación e presentarlles a nova Oficina de rehabilitación, un punto informativo localizado na capital galega
A Xunta de Galicia invita ao tecido social da comarca de Santiago de Compostela a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.
Esta nova sesión dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar o vindeiro luns, 25 de abril, ás 10,30 horas, no salón de actos da Consellería de Sanidade, e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles de máis dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.
Trátase do terceiro encontro que se celebra na provincia da Coruña e o sétimo na Comunidade. Está aberto ao público en xeral e están convocados representantes dos concellos de Ames, Arzúa. A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Frades, Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Padrón, O Pino, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.
Asemade, tamén se invitou a entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas de Pontevedra; e a empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.
O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.
Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.
Ademais, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.
No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da zona, como son as axudas á área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, xa que por moitos discorre un ou varios dos itinerarios oficiais da ruta xacobea. Asemade, Padrón e Santiago contan con centros históricos, polo que poden beneficiarse dos incentivos para a compra de inmobles neste ámbitos concretos.
A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información de directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.
Así mesmo, o encontro da capital galega servirá presentar a Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha pola Xunta e que está chamada a ser un punto informativo para asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial.
Esta oficina xa está en funcionamento e permanece aberta de luns a venres polas mañás, en horario de 9 a 14 horas. Os interesados teñen a opción de facer consultas por teléfono, a través do número 881 045 897, o mesmo ao que hai que chamar para pedir cita previa en caso de preferir atención presencial en Santiago de Compostela.