A Xunta lanza o reto ´Emprego 30 días´ en colaboración coa ‘influencer’ galega Eva Porto, experta en recursos humanos e orientación laboral
A través do programa, virtual e gratuíto , ofreceranse ás persoas interesadas retos diarios de 15 minutos para mellorar a selección en procesos de emprego, redactar os currículos ou enfrontar as entrevistas con seguridade
A Xunta habilitou xa o enderezo https://evaporto.com/reto-emprego-30/ para formalizar as inscricións no reto, que se desenvolverá entre o 1 e o 30 de maio
Santiago de Compostela, 24 de abril.- A Xunta colaborará coa experta galega en Recursos Humanos e influencer Eva Porto, na posta en marcha do #RETOEMPREGO30DÍAS co propósito de contribuír á empregabilidade de galegas e galegos con retos diarios de 15 minutos durante un mes nos que se abordarán as ferramentas imprescindibles para mellorar as oportunidades laborais.
O programa desenvolverase en liña, e será gratuíto para todas as persoas interesadas, que poden inscribirse xa a través do enderezo https://evaporto.com/reto-emprego-30/.
Entre outras temáticas, os retos tratarán como mellorar o currículum vitae, as entrevistas de traballo, o uso de redes como LinkedIn, portais de emprego, formación... O programa incluirá ademais servizo de orientación laboral para as persoas participantes e formará sobre chaves do éxito na busca de emprego, coma estratexias de autorregulación (control emocional, afrontamento activo) ou resistencia perante a adversidade.
O #RETOEMPREGO30DÍAS promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo bebe da experiencia similar que a propia Eva Porto puxo en práctica o pasado xaneiro, con máis de 13.000 persoas inscritas que, ao remate do programa, amosaron unha satisfacción de 9,1 puntos sobre 10.
Con este novo proxecto, o Goberno galego proporciona, a través dun modelo orixinal e adaptado ás novas linguaxes, as capacidades, ferramentas e aptitudes para destacar no mercado laboral e superar todos os obstáculos que as continuas mudanzas deste ámbito poidan presentar, logrando así a maior adecuación posible ós requirimentos e necesidades das empresas.
Poden participar no reto persoas de calquera idade que desexen atopar un posto de traballo ou mellorar a súa situación laboral.
Eva Porto ten experiencia como colaboradora coa Fundación Adecco, Crehana, Endesa ou a propia Xunta de Galicia, e poñente en actos de TEDx, a Fundación Mobile World Capital Barcelona, Cruz Vermella ou a Universidade de Valencia; unha activista que traballa en relación directa co público, e con gran impacto nas redes sociais, sendo a influencer de busca de emprego con maior número de seguidores na actualidade.