A Xunta destinará 14 M€ a convocar novas unidades formativas en empresas para lograr a inserción laboral de máis de 2.100 persoas desempregadas ata 2023

Feijóo explica que se primará na contratación a inserción de persoas con discapacidade, menores de 30 anos, parados de longa duración, vítimas de violencia de xénero e emigrantes retornados

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe en rolda de prensa que a Xunta destinará 14 M€ a convocar novas unidades formativas en empresas para lograr inserción laboral de máis de 2.100 persoas desempregadas ata 2023. Serán 3,5 millóns de euros máis que na anterior convocatoria que permitirán financiar 560 accións formativas en empresas.

 

Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que, dado que o obxectivo principal é a inserción laboral dos alumnos, as axudas terán vencellado un compromiso de contratación por parte das empresas de polo menos o 40% dos participantes na formación. Delas, engadiu, poderán beneficiarse as empresas ou agrupacións de empresas e as entidades laborais con centros de formación inscritos no ámbito laboral.

 

Nese sentido, avanzou que se primará na contratación a inserción de persoas con discapacidade, menores de 30 anos, parados de longa duración, vítimas de violencia de xénero e emigrantes retornados.

 

Ademais de todo o anterior, o presidente da Xunta destacou que estas unidades formativas terán tamén como finalidade mellorar a cualificación e impulsar a contratación de mulleres en sectores onde están infrarrepresentadas. Para este último fin, puntualizou, reservarase a metade do orzamento, 7 M€.

 

Finalmente, concluíu a súa intervención facendo balance dos resultados derivados da activación destas axudas desde o ano 2018, “das accións formativas nas empresas das beneficiáronse máis de 9.000 persoas”.

 

Imaxes relacionadas