A Xunta instala en Ordes unha pantalla informativa sobre a calidade do aire, a meteoroloxía e os avisos ante posibles fenómenos
Este punto colocouse no exterior da Casa do Concello, por ser unha zona de elevada actividade e con alta afluencia veciñal
A Consellería de Medio Ambiente actualiza de xeito constante a rede operativa e de predición de MeteoGalicia, coa instalación deste tipo de dispositivos nos concellos galegos ou a mellora do novo modelo de predición meteorolóxica
A Xunta de Galicia acaba de instalar no municipio de Ordes unha pantalla informativa sobre a calidade do aire, a meteoroloxía e os avisos ante posibles fenómenos extremos.
Este dispositivo colocouse na praza do Concello, nun lateral do acceso á casa consistorial, por ser unha zona na que se concentra a actividade comercial local e tamén un punto de encontro veciñal.
A información que proporcionan as pantallas de MeteoGalicia é específica para o lugar, pero tamén para o tipo de localización, diferenciando a información de interese segundo a zona —costa (temperatura da auga, ondas, mareas, etc.) ou interior— e estación cálida ou fría —será diferente no verán e no inverno—. Ademais, hai un apartado especial dedicado aos avisos meteorolóxicos e de calidade do aire.
Coa instalación desta pantalla en Ordes, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda completa a posta en funcionamento de máis dunha vintena de pantallas dixitais que xa están localizadas en Santiago de Compostela (2), A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Monforte, Verín, Ribadeo, Baiona, Lalín, Porto do Son, Ribeira, Sanxenxo, O Grove, Foz, Fisterra, O Cebreiro, Sarria e Melide.
Novo modelo de predición de MeteoGalicia
A instalación das pantallas é unha das distintas actuacións que son impulsadas polo Goberno galego para actualizar a rede de predición e servizos que ofrece MeteoGalicia, un organismo referente climatolóxico e científico, a nivel nacional e europeo.
De feito, desde hai apenas un mes está en funcionamento o novo modelo de predición meteorolóxica, que ofrece unha resolución para 1 km fronte aos 4 km do anterior.
Isto significa que se disporá de información cun maior nivel de detalle sobre a previsión do tempo, as precipitacións, a temperatura ou o vento, ao tempo que se melloran os prognósticos de factores determinantes a nivel local.
Esta nova ferramenta de predición é de utilidade para o cidadán en xeral e tamén para o tecido económico-empresarial, xa que contarán con información máis detallada e precisa á hora de coordinar as súas tarefas produtivas coa meteoroloxía e planificar os traballos diarios ou semanais.