A Xunta concede máis de 136.000 euros a cinco concellos da comarca de Santiago para corrixir impactos paisaxísticos nos equipamentos e edificios municipais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes de axudas da convocatoria de 2022, dirixida ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes, para emendar os impactos negativos que poden causar na contorna

O delegado da Xunta visitou o Concello da Baña. que recibiu 40.000 euros para reali-zar melloras no centro da terceira idade e para renovar o lavadoiro de Cabanas

A Baña (A Coruña), 5 de maio de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o Concello da Baña, para reunirse co seu alcalde, José Andrés García Cardeso, e informarlle de que resultou beneficiario dunha axuda de case 40.000 euros para corrixir impactos paisaxísticos nos equipamentos e edificios públicos do municipio.

 

No conxunto da comarca de Santiago, a Xunta concedeu unha destas subvencións -ou ata dúas nalgún caso- a 5 concellos: Santiso, Ordes, Boimorto, O Pino e A Baña, por un importe global de máis de 136.000 euros.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver a convocatoria de 2022 da orde de axudaspara avanzar na loita contra o feísmo nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

 

Cómpre lembrar que este programa de incentivos —convocado en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito se ampliou ata os 800.000 euros esta mesma semana— recolle dúas liñas de actuacións subvencionables: a Liña 1 para intervencións coas que emendar o impacto negativo que poden causar sobre a contorna edificios e dependencias que acollen servizos municipais; e a Liña 2 pensada para mellorar outros equipamentos públicos ou elementos etnográficos —como fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros— propiedade dos concellos.

 

No caso concreto da Baña, recibe unha axuda de 20.000 euros a cargo da Liña 1 para actuar no centro da terceira idade coa limpeza e reparación da súa fachada para o seu posterior pintado; e outra, tamén de 20.000 euros, para mellorar no marco da Liña 2 o lavadoiro de Cabanas, un elemento de formigón armado que na actualidade presenta manchas e humidades polo que se procederá á súa limpeza e á reparación de fendas antes de pintalo.

 

As actuacións subvencionables, que poderán acadar o 70% do custo estimado, deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

 

Convocatoria de 2021, a primeira

Cómpre lembrar que o ano pasado a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, tanto para particulares como para concellos, saldouse con máis de medio milleiro beneficiarios que recibiron subvencións por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir en 222 municipios galegos

 

En vista do éxito da primeira convocatoria, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.

 

Imaxes relacionadas