A Xunta destinará 185.000 € a partir de xuño a restaurar a vexetación de Ribeira e eliminar especies invasoras ao longo de 3 km do río Tambre

Ángeles Vázquez avanza que os traballos teñen un prazo de execución de 4 meses, polo que estarán rematados antes de que remate o ano

A intervención, que se levará a cabo en ambas marxes do curso fluvial, está enmarcada no proxecto Mil Ríos, cun orzamento global de 5 M€ procedentes de fondos europeos e que busca optimizar a resposta de 50 canles fluviais galegas ante o cambio climático
 

Noia (A Coruña), 11 de maio de 2022

A Xunta de Galicia investirá 185.000 euros a partir do mes de xuño no río Tambre no marco dunha actuación de restauración ambiental para mellorar a vexetación de ribeira e eliminar especies exóticas invasoras, ao longo dun tramo de 3 quilómetros.

 

A actuación ten un prazo de execución de 4 meses, polo que se prevé que estea rematada antes de que remate o ano, tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire, nun acto celebrado esta mañá nas inmediacións da central eléctrica —un dos puntos do río nos que se vai actuar— para explicar os detalles do proxecto.

 

Esta actuación está enmarcada no proxecto Mil Ríos, unha iniciativa cun orzamento global de 5 millóns de euros procedentes dos fondos NextGenerationUE e coa que se busca mellorar 470 quilómetros de 50 cursos fluviais galegos para aumentar a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático.

 

Trátase, tal e como lembrou, dunha das actuacións máis ambiciosas que levará a cabo o seu departamento grazas ao financiamento europeo asignado a Galicia para iniciativas no eido da restauración e da conservación dos ecosistemas e da súa biodiversidade.

 

No caso concreto do río Tambre, Ángeles Vázquez explicou que os traballos previstos organizaranse en catro zonas distintas —tres no termo municipal de Noia e unha en Outes— para mellorar ambas marxes dun treito que abrangue 2,6 hectáreas.

 

Así, restaurarase a vexetación de ribeira mediante a retirada de exóticas invasoras e a plantación de especies autóctonas —freixos e carballos—. Eliminarase acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e ailantos (Ailanthus altissima), tanto en dominio público hidráulico como na zona de servidume. 

 
 

A conselleira concretou que se actuará na área entre a ponte colgante, a central eléctrica e o refuxio de pescadores —na zona do Pozo dos Maios—, onde se identificou a presenza de acacia negra, ao igual que augas arriba do refuxio.

 

Actuacións en cinco ríos na provincia da Coruña

A Xunta utilizará a primeira fase do proxecto Mil Ríos, que contará cun orzamento de 4 millóns de euros, para avanzar na recuperación, restauración e mellora da resiliencia de 17 canles fluviais de toda Galicia.

 

No caso concreto da provincia da Coruña, prevense actuacións en tramos seleccionados de cinco ríos —Sor, Mera, Mandeo, Tambre e a marxe coruñesa do Ulla—, que abranguerán un total de 69,1 hectáreas de terreo e 78,4 quilómetros de cursos fluviais ao seu paso por 11 municipios —Mañón, Ortigueira, Paderne, Coirós, Noia, Outes, Padrón, Teo, Vedra, Boqueixón e Touro—.

Imaxes relacionadas