Un cento de traballadores de Barreras poderá acceder ao programa formativo de reciclaxe profesional posto en marcha pola Xunta e o Clúster Galego do Naval

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe no Parlamento as accións que está a adoptar o Goberno galego para incrementar as oportunidades laborais do persoal traballador do sector naval

Ademais do convenio de colaboración asinado entre Xunta e Aclunaga, sinalou que o proxecto Empreganav, con 3,2 millóns de orzamento, está a mellorar a empregabilidade de 500 traballadores afectados por despedimentos
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, explicou hoxe no Parlamento de Galicia todas as actuacións que está a poñer en marcha o Goberno galego en materia formativa para incrementar as oportunidades laborais dos traballadores do naval, un sector estratéxico para Galicia que soubo anticiparse aos retos que marca o mercado e ao contexto socioeconómico actual.

Lorenzana afirmou que o Goberno galego está a utilizar todas as competencias autonómicas e coa máxima premura posible para evitar a perda de emprego na industria do naval e, así,  fixo referencia, en primeiro lugar, á situación dos traballadores de Barreras cos que, dende que comezou o conflito,  a administración autonómica mantivo diversas reunións para escoitar as súas demandas e prestarlles apoio na medida das competencias autonómicas. Neste senso, avanzou que o cento  de traballadores afectados pola venda de Barreras poderá acceder ao programa formativo que a Xunta e a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga) desenvolverán ao amparo do convenio asinado por importe de preto de 240.000 euros para realizar accións formativas de cualificación e recualificación  no sector da construción naval.

O obxectivo da iniciativa é, en palabras da titular de Promoción do Emprego, permitir aos participantes a actualización das competencias profesionais e a adquisición doutras novas para incrementar as súas oportunidades laborais e, deste xeito, facilitar a súa rápida recolocación no mercado de traballo.

A conselleira tamén destacou o proxecto Empreganav, que a Administración autonómica galega está a desenvolver, cun orzamento de 3,2 millóns de euros, para apoiar a reinserción laboral de traballadores afectados por despedimentos de pequenas e medianas empresas vinculadas á industria auxiliar naval galega. Trátase de mellorar a empregabilidade de 500 persoas a través dun plan integral que inclúe cursos e accións de asesoramento para unha reciclaxe profesional a medida, promoción do espírito emprendedor e bolsas de axuda para facilitar a asistencia dos alumnos e alumnas ás diferentes actuacións. O programa tamén conta cun seguimento personalizado dos participantes ao longo dun ano.

Unidades Formativas e Plan Formativo

Lorenzana, así mesmo, fixo fincapé noutras dúas iniciativas que a Xunta está a poñer en marcha no eido formativo, das que pode beneficiarse o persoal traballador do sector naval: as Unidades Formativas en Empresas e o Plan Formativo para persoas desempregadas.

As Unidades Formativas, cun investimento de 14 millóns de euros, permitirán que 2.100 persoas este ano e o vindeiro exercicio poidan formarse en empresas. As compañías que participen neste programa adquiren o compromiso de contratar ao 40% do alumnado que cualifiquen. A Xunta prevé que se leven a cabo 560 cursos, con prioridade aquelas accións vinculadas a áreas profesionais estratéxicas, como é o caso do naval.

Doutra banda, o Plan Formativo para persoas desempregadas, cun orzamento de preto de 50 millóns de euros, un 12% máis que na convocatoria anterior, publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a próxima semana e incluirá como noutras edicións cursos específicos da industria naval.

A Xunta nesta lexislatura leva investidos 11,7 millóns de euros en accións formativas para persoas ocupadas e desempregadas vinculados co sector naval, das que se beneficiaron un total de 2.169 persoas.

Lorenzana, por último, puxo en valor a Estratexia Naval 2022-2026, a folla de ruta da Xunta para reforzar sinerxías, potenciar a diversificación de produtos e posicionar a Galicia ante o Perte do sector. “O obxectivo é que Galicia ocupe o espazo que lle corresponde e poda acceder a boa parte dos 310 millóns de euros que achega Europa para que a industria naval galega poida seguir avanzando cara á dixitalización, a innovación, a sostibilidade ambiental e a formación e capacitación das persoas traballadores do sector”, rematou.

Imaxes relacionadas