O Programa integrado de emprego do Salnés permitiu en dez anos a mellora laboral dun milleiro de persoas e ofreceu prácticas en 700 empresas da comarca
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Sanxenxo no II Encontro Empresarial desta iniciativa no marco da celebración do seu décimo aniversario
A Xunta investiu desde 2011 un total de 2,4 millóns de euros neste PIE, o que permitiu a realización de 270 accións formativas e de asesoramento a persoas sen emprego
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade do Salnés que está a celebrar o seu décimo aniversario, dez anos nos que grazas ao apoio da Xunta, cun investimento de 2,4 millóns de euros, permitiu a mellora da situación laboral dun milleiro de persoas sen emprego e ofreceu prácticas non laborais en 700 empresas da comarca e un total de 270 accións formativas e de asesoramento.
Lorenzana participou en Sanxenxo no II Encontro Empresarial desta iniciativa no marco da celebración do seu décimo aniversario, un acto no que gabou os programas integrados de emprego, non só polos bos datos de inserción laboral que acadan en xeral, senón tamén porque é unha iniciativa que, segundo explicou, combina a cualificación profesional das persoas desempregadas coa implicación de empresas da contorna para facilitar o acceso a un posto de traballo.
Lorenzana destacou que “a estreita colaboración” entre Xunta, entidades locais e sen ánimo de lucro posibilitan a realización destes programas que teñen como obxectivo favorecer novas portas de acceso ao mercado laboral a persoas demandantes de emprego. “O binomio formación-emprego e a colaboración público-privada dan como resultado un emprego adaptado ás particularidades de cada zona, o que garante a súa estabilidade e futuro”, apuntou.
Na actualidade estase a celebrar unha nova edición do PIE da Mancomunidade do Salnés, no que están a participar 100 persoas sen emprego, das que un 45%, como mínimo, poderán atopar un traballo. Na edición pasada, esta porcentaxe de inserción laboral superouse, chegando ao 70%.
As alumnas e alumnos están a formarse nas especialidades de informática, elaboración de viños, pilotaxe de drons, soldadura, agricultura ecolóxica ou big data, entre outros, e tras esta cualificación terán a oportunidade de realizar as prácticas non laborais en empresas da comarca pertencentes a sectores como a Industria 4.0, siderometalúrxica, vitivinícola, atención ao cliente, loxística ou distribución alimentaria. Son ámbitos, en palabras da conselleira, nos que a Mancomunidade do Salnés e o tecido empresarial da comarca detectaron nichos de mercado.
A titular de Promoción do Emprego e Igualdade, para rematar, lembrou que nestes intres está aberta a convocatoria 2022-2023 dos Programas Integrados de Emprego. Así, as entidades locais e sen ánimo de lucro poden solicitar as axudas e presentar os seus proxectos ata o próximo 23 de xuño. Dados os bos resultados desta iniciativa, o Goberno galego incrementou este ano a partida orzamentaria ata os 10,26 millóns de euros, fronte aos 10 millóns da convocatoria 2021-2022.
“No Goberno galego cremos na necesidade de investir na formación do noso capital humano, xa que é investir no futuro de Galicia”, apuntou Lorenzana. Por iso, sinalou que a Xunta, desde 2009, destinou case 95 millóns de euros á realización dos programas integrados de emprego, o que permitiu formar a máis de 50.000 persoas en Galicia.