A Xunta inviste este ano 35M€ na economía social, un modelo solidario comprometido co emprego estable, a igualdade e o medio rural

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela no acto de presentación do Manifesto da Economía Social que senta as bases para consolidar esta fórmula empresarial

Lorenzana destaca que é un modelo que deber ser sinónimo de tradición e éxito, e de cambio e innovación para seguir creando mellores oportunidades para a sociedade

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto de presentación do Manifesto da Economía Social, que se desenvolve no marco dos eventos que se realizarán para celebrar que Santiago de Compostela é a capital española da economía social. É un recoñecemento que, en palabras da conselleira, chega nun ano “moi importante” para a capital de Galicia, inmersa no Xacobeo e que pon a Santiago como escaparate en canto ás posibilidades que ofrece a economía social en Galicia. Con respecto ao manifesto, indicou que é un documento que senta as bases do camiño a seguir, tanto en Galicia como en España, para consolidar este modelo empresarial.

É un eido ao que a Xunta destina este ano 35 millóns de euros e ao que destinou 89 millóns entre 2019 e 2021 a través da Estratexia galega para a economía social, unhas cifras que, segundo a titular de Emprego, demostran que Galicia aposta por este modelo de negocio; e avoga, segundo engadiu, por cinco razóns principais: porque é solidaria e antepón os beneficios sociais e colectivos á rendabilidade financeira; está comprometida coas particularidades do seu entorno; aposta por fixar poboación no medio rural, creando actividade económica e afianzando servizos; xera emprego estable, de calidade e resistente á crise; e actúa contra as desigualdades ao favorecer a redistribución de recursos e fortalecer a democracia institucional. Neste último senso, Lorenzana apuntou que é unha fórmula que lidera o camiño cara a igualdade real entre mulleres e homes, poñendo de manifesto que en Galicia cada vez son máis as mulleres promotoras de novas cooperativas, un 50,79% en 2021 fronte ao 37,7% de 2019.

Para a conselleira, a economía social debe ser sinónimo de tradición e éxito, e de cambio e innovación para construír unha sociedade con máis e mellores oportunidades. Por iso, explicou que a Xunta continúa a poñer en marcha actuacións encamiñadas a apoiar este modelo de negocio que representa na Comunidade galega o 7% do PIB galego. Así, na actualidade está en activo o programa Aprol Economía Social ao que se destina este ano 3,8 millóns de euros e co que se prevé beneficiar a 331 persoas; e este mesmo mes convocaranse as axudas dos bonos Consolida e Es-Transforma, con máis de 1,5 millóns de euros cada un, cos que se estima chegar a 200 persoas e crear 21 novas entidades.

Ademais, proximamente porase en marcha Es-Factory, un programa de aceleradoras de emprendemento que orientará e acompañará ás persoas promotoras de proxectos empresariais; e Es-Próxima, que definirá e consolidará un selo de identidade de economía social en Galicia a través de diferentes accións e co obxectivo de darlle unha maior visibilidade e difusión.

Para rematar, Lorenzana agradeceu ás administracións estatal e local o apoio para sumar sinerxías para reforzar o desenvolvemento da economía social, poñendo como escaparate a Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas