A Xunta sinala en Arteixo que o programa integrado de emprego de Agarimo mellorará a inserción laboral dun cento de mozos nos sectores da restauración e turismo

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na entrega de diplomas do alumnado desta iniciativa que apoiou a Xunta con máis de 255.000 euros

Pon en valor o traballo que realiza esta asociación que leva máis de 40 anos atendendo a mozas e mozos pertencentes a colectivos vulnerables desde o punto de vista social, económico e cultural

Destaca o alto grado de inserción laboral que acadan os programas integrados de emprego, unha actuación na que o Goberno galego investiu desde 2009 case 95 millóns de euros chegando a 50.000 persoas sen emprego
 

Arteixo (A Coruña), 7 de xuño de 2022

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, salientou hoxe en Arteixo o alto grado de inserción laboral dos programas integrados de emprego que desenvolve, co apoio da Xunta, a asociación Agarimo. Hoxe mesmo tivo lugar a entrega de diplomas da última edición desta iniciativa á que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinou máis de 255.000 euros para formar durante un ano a un cento de mozas e mozas pertencentes a colectivos vulnerables desde o punto de vista social, económico e cultural. Lado puxo en valor o traballo que neste senso realiza Agarimo con máis de 40 anos de experiencia atendendo a grupos de mozos que se encontran nunha situación de vulnerabilidade. De feito, vén de obter a certificación Aenor pola súa actividade de xestión e impartición de formación profesional para o emprego.

O programa integrado de emprego que vén de rematar permitirá a mellora das oportunidades laborais dun cento de mozas e mozas en dous sectores cunha gran demanda de traballo: restauración e aloxamentos turísticos. Estes programas son, en palabras de Lado, instrumentos que se demostran efectivos para mellorar a inserción laboral das persoas sen emprego, ao ofrecer un plan estratéxico de formación e información, orientación e asesoramento para favorecer a posibilidade de atopar un traballo por conta allea ou impulsar un proxecto emprendedor.

Os programas integrados de emprego ofrecen un itinerario profesional individualizado aos participantes e prácticas non laborais en centros de traballo da contorna onde se desenvolve a actuación. A Xunta apoia estas iniciativas con preto de 95 millóns de euros desde 2009, o que permitiu a mellora da formación para o emprego de 50.000 persoas.

A convocatoria 2022-2023 dos Programas Integrados de Emprego está na actualidade aberta As entidades locais e sen ánimo de lucro poden solicitar as axudas e presentar os seus proxectos ata o próximo 23 de xuño. Dados os bos resultados desta iniciativa, o Goberno galego incrementou este ano a partida orzamentaria ata os 10,26 millóns de euros, fronte aos 10 millóns da convocatoria 2021-2022. Nesta edición, tal e como sinalou Lado, apoiarase de xeito máis intenso os proxectos dirixidos a colectivos vulnerables “na procura dun mercado de traballo inclusivo, que debe aproveitar as capacidades e o talento de toda a poboación, sen excluír a ninguén”.

Para rematar, insistiu no gran labor que desenvolve Agarimo, un referente en innovación educativa e motor de transformación dos colectivos con máis necesidades para atopar un emprego.

Imaxes relacionadas