A Xunta recibe o distintivo de “Ecoalbergue” para o seu novo centro de peregrinos “Juan Manuel López-Chaves” en Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo celebrou a entrada do albergue vigués no proxecto “Camiño da Reciclaxe 2022” do Ano Xacobeo

“O Camiño da Costa é máis que un destino, tamén é beleza e riqueza patrimonial e ente todos temos que coidalo e preservalo”, destacou

Vigo, 9 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibiu este xoves o distintivo de “Ecoalbergue” para as novas instalacións “Juan Manuel López-Chaves” situadas na Ribeira do Berbés. De mans do responsable de Ecoembes en Galicia, Bruno de Llano, a representante autonómica recolleu o diploma que acredita ao albergue vigués como integrante do proxecto “Camino do Reciclaxe 2022” no marco do Ano Xacobeo.

 

“O Camiño da Costa, como o resto das rutas xacobeas, é máis que un destino, tamén é beleza e riqueza patrimonial e entre todos temos que coidalo para preservar a súa mellor imaxe e ter un camiño sostible”, destacou.

 

A iniciativa, que se puxo en marcha en Galicia no 2016, busca concienciar aos miles de peregrinos que percorren o Camiño de Santiago da importancia de separar e reciclar os residuos e envases que vaian xerando durante cada etapa e mantelo libre de lixo. Ademais, neste 2022 a campaña estendeuse tamén ás hospedaxes do Camiño Portugués da Costa.

 

Durante o acto de presentación celebrado no Albergue de Peregrinos “Juan Manuel López-Chaves”, o responsable de Ecoembes en Galicia, Bruno de Llano, agradeceu á Xunta de Galicia a súa colaboración coa iniciativa do Camiño da Reciclaxe. “É un proxecto que busca concienciar aos miles de peregrinos que percorren as paraxes naturais deste emblemático roteiro da importancia de mantela libre de basuraleza”, sinalou.

 
Kit de reciclaxe

A todos os EcoAlbergues do proxecto fáiselles entrega dun kit que se compón, entre outras cousas, de carteis didácticos, papeleiras amarelas (latas, briks e envases de plástico) e azuis (papel e cartón), un selo identificativo para o albergue como colaborador da campaña (EcoAlbergue), Compostelas do Ecoperegrino e bolsas reutilizables fabricadas con PET reciclado para entregar aos peregrinos.

 

Nesta edición entregáronse aos Ecoalbergues máis de 21.000 bolsas reutilizables feitas con PET reciclado para que as repartan a todos os Ecoperegrinos que se hospeden nas súas instalacións co obxectivo de fomentar a reciclaxe no Camiño de Santiago.

 
Récord de afluencia

Por outra banda, a delegada territorial amosou a súa satisfacción polo importante incremento de peregrinos hospedados no albergue vigués durante as últimas semanas. “Vigo rexistra un aumento da afluencia de camiñantes, nova mostra da importancia da cidade no Xacobeo e da necesidade de sinalizar o roteiro, porque centos de visitantes camiñan polas nosas rúas sen rumbo debido á falta de implicación do Concello”, lembrou.

 

Segundo os datos aportados por Fernández-Tapias, o pasado mes de maio foi o de maior afluencia, cun total de 804 peregrinos hospedados no albergue, e en total xa son 1.889 os aloxados ao longo de 2022.

 

O edificio conta con seis plantas nunhas instalacións accesibles para dar resposta á demanda de aloxamento. A infraestrutura conta con capacidade para 93 persoas en 7 habitacións e dispón tamén de cociña, comedor, zona de ocio e aseos.

Imaxes relacionadas