A Xunta difunde a Economía Social como forma de emprendemento e de creación de emprego de calidade entre o estudantado de relacións laborais da Coruña

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade participou hoxe na II Feira de emprego da Fundación Escola Universitaria de Relacións laborais da Coruña

A Xunta anima ás persoas máis novas a transmitir a coñecer os valores do cooperativismo e asumir estas fórmulas para desenvolver as súas ideas empresariais

A Economía Social conta este ano con apoios por valor de 35M€ para programas cos que se busca crear novas entidades, que gañen competitividade, conten con relevo xeracional e, en suma, acelerar o emprendemento no sector

En 2021 constituíronse na Comunidade un total de 135 cooperativas novas co que son xa 1.571 as entidades deste tipo activas nestes momentos
 

A Coruña, 15 de xuño de 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade participou hoxe na II Feira de Emprego da Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, co obxectivo de animar ao estudantado a iniciarse na Economía Social e a poñer en valor esta fórmula de emprendemento que antepón ás persoas e promove o emprego de calidade.  

A Economía Social e cada día unha realidade máis potente en Galicia. O ano pasado constituíronse na Comunidade 135 cooperativas novas co que o número destas entidades activas situouse nas 1.571. No mesmo período naceron 28 novas sociedades laborais ata acadar as 1.448. O sector representa xa o 7% do PIB galego, polo que a Xunta segue a incidir na necesidade de dalo a coñecer entre os profesionais do mañá cunha aposta clara pola promoción, a creación de iniciativas e consolidación das existentes; que está a supor nos orzamentos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, unha inxección este 2022 de 35 millóns de euros.

A Xunta ten en marcha neste momento o programa Aprol Economía Social ao que se destinan 3,8M€, co obxectivo de incentivar a creación de cooperativas e sociedades laborais, así como a incorporación de novos socios ás mesmas.

Tan importante como a creación de empresas, é que estas se manteñan no tempo e resulten competitivas. Con esta finalidade, o Goberno galego ten en marcha programas como o Bono Consolida, activado este xuño, con 1,5 millóns de euros ou o ES-Transforma que, cunha dotación de outro millón e medio, quere recuperar negocios sen relevo xeracional e mesmo transformar empresas en entidades de Economía Social.

A presenza da Administración autonómica na feira da Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais obedece á necesidade de que os profesionais do futuro contribúan a transmitir os valores desta modalidade de emprendemento que xera emprego estable e de calidade. Ademais o evento se encadra no conxunto de actividades organizadas para o fomento da Economía Social a través da Rede Eusumo creada pola Xunta, como instrumento no que colaboran axentes públicos e privados con intereses comúns en torno a este sector.  

Para potenciar inda máis a presenza do cooperativismo entre a sociedade e o seu peso no tecido produtivo galego, a Xunta porá en marcha o programa ES-Factory de aceleradoras de emprendemento, que orientará e acompañará ás persoas promotoras de proxectos empresariais. Tamén se consolidará un selo de identidade da Economía Social en Galicia a través do programa ES-Próxima para outorgarlle maior visibilidade e difusión.

Imaxes relacionadas