A Xunta convoca esta fin de semana en Silleda a máis de 2.500 persoas para as probas de competencias clave en matemáticas e linguas
A cita cumpre a súa 16ª edición co obxectivo último de que as persoas que non contan co título da ESO ou de Bacharelato poidan acceder a cursos para obter certificados de profesionalidade que inclúen este nivel como requisito
Silleda (Pontevedra), 25 de xuño de 2021 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convocou hoxe a máis de 2.500 persoas no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca en Silleda (Pontevedra) para a realización das probas en competencias clave nos niveis 2 e 3 na súa décimo sexta edición. Estes exames están concibidos para facilitar ás galegas e galegos que non teñen título de ESO nin Bacharelato o acceso á formación para o emprego e para mellorar as súas oportunidades laborais.
O Goberno galego convoca estas avaliacións co obxectivo de facilitar que as persoas traballadoras galegas poidan acceder ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, que requiren estar en posesión de titulacións mínimas ou ter as competencias clave necesarias. Para acadalas, ademais de facer as probas de hoxe, as persoas interesadas tamén poden realizar cursos de formación específicos. Para os certificados de nivel 1, pola contra, non existen condicionantes académicos nin laborais.
Este 2022 Silleda acolle un total de 10.750 probas, xa que cada persoa solicitante pode optar a ata 4 exames tanto no nivel 2 coma no nivel 3. Os resultados provisionais destas avaliacións estarán dispoñibles a partires da última semana do mes de xullo na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade.
Para garantir o correcto desenvolvemento destes exames, está activo un operativo de seguridade en Silleda conformado por 80 persoas. Ademais desprazaranse ao recinto equipos de asistencia médica e unha ambulancia para atender calquera incidencia.
Ademais da convocatoria de hoxe, a próxima semana a Xunta realizará outras 190 avaliacións nas instalacións de Fademga Plena Inclusión en Santiago de Compostela; no C.R. Concepción Arenal da Coruña, así como nos centros penitenciarios de Teixeiro (A Coruña) e da Lama (Pontevedra) co que o global de probas aproximarase ás 11.000.
Galicia é pioneira desde o ano 2009 na realización destas probas de avaliación centradas nas competencias de lingua castelá, lingua galega, inglés e matemáticas, contidos xerais de formación básica en diferentes áreas de coñecemento requiridos para todas as especialidades formativas e laborais.
A capacitación para o emprego a través da facilitación do acceso á formación profesional para o emprego constitúe un dos principais eixos de actuación do Executivo autonómico, cun total de 38.916 galegas e galegos convocados nas últimas 15 edicións destas probas.