A Xunta reforza con 42.500€ a colaboración con médicos del mundo para a atención de vítimas de trata con máis de 370 mulleres atendidas desde 2016
Con esta iniciativa se pretende mellorar o estado psicolóxico, social e de saúde das vítimas de trata a través dunha atención integral
O proxecto conta ademais cunha aplicación móbil, denominada ELLA, que facilita o acceso ás mulleres á información socio-sanitaria sobre os recursos e servizos á súa disposición
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022
A secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe coas responsables de Médicos del Mundo en Galicia para valorar o funcionamento do programa que está a desenvolver para a atención socio-sanitaria das mulleres vítimas de trata e explotación sexual. A colaboración entre ambas entidades comezou no ano 2016 co fin de dar amparo a este colectivo de especial vulnerabilidade. Desde entón, máis de 370 mulleres foron atendidas no marco do proxecto para o cal a Administración galega achega este ano máis de 42.500€.
A entidade ofrece asesoramento e acompañamento social, sanitario, psicolóxico e xurídico para facilitar ás mulleres información e orientación sobre os recursos e servizos que teñen á súa disposición nos municipios. Médicos del Mundo conta con unidades permanentes de atención nas cidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, ademais dun vehículo para achegase aos clubs e pisos onde se atopan as vítimas de explotación sexual e trata.
Así mesmo, dispón dunha aplicación móbil gratuíta, ELLA, que poden descargar as mulleres en situación de prostitución ou trata, cisxénero e transexuais, para acceder a toda a información dos recursos e servizos socio-sanitarios existentes co fin de mellorar a súa situación social, laboral e estado de saúde. Para facilitar o seu uso, os contidos tanto físicos como dixitais están dispoñibles en galego, castelán, portugués, romanés e inglés.
Con esta ferramenta, Médicos del Mundo pretende chegar a todas as mulleres vítimas de trata e explotación sexual de Galicia, poñendo tamén á súa disposición información e orientación xurídico-social, xa que, como explicaba a secretaria Xeral da Igualdade esta mañá, moitas destas mulleres son descoñecedoras da súa situación de vítimas dun delito.
Susana López Abella subliñaba ao remate deste encontro que estas axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cobran especial relevancia para dar cobertura á recuperación e integración social e laboral destas mulleres cuxa situación se viu agravada como consecuencia da pandemia. E, ao fío, lembrou que Galicia considera por lei a trata de mulleres e nenas como forma de violencia de xénero dándolles acceso tamén aos apoios económicos periódicos da Xunta neste eido.