A Xunta mellora a empregabilidade de 20 persoas de Ponteareas e As Neves co obradoiro formativo laboral 'Coidar de nós IV'
O delegado territorial, Luis López, acompañado da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e do rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, participou no acto de clausura e entrega de diplomas desta iniciativa de emprego na Casa do Concello da capital do Condado
Este obradoiro, que prolongou a súa actividade durante os últimos nove meses grazas a un investimento de 347.000€ da Xunta, centrou a súa formación nos módulos de Atención Sociosanitaria e Actividades Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes
“Dende a Xunta ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado á xente sen traballo para outorgarlle máis posibilidades de inserción laboral no futuro e reforzar as infraestruturas e servizos públicos de todos”, explicou o representante autonómico
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vén de mellorar as opcións de empregabilidade, a través da formación laboral, dunha vintena de persoas desempregadas dos municipios de Ponteareas e As Neves co Obradoiro de Emprego de formato dual Coidar de Nós IV, que contou cun investimento de 347.000 euros do executivo autonómico.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e do rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, participou este mediodía, na Casa do Concello da capital do Condado, no acto de clausura desta iniciativa laboral, no que se entregaron os correspondentes diplomas acreditativos.
“O emprego é un dos grandes eixos da acción de goberno da Xunta e por iso seguimos apostando por este modelo formativo, que ten moi boa acollida entre os concellos e as persoas sen traballo, que mellora moito a empregabilidade e favorece a inserción laboral dos participantes na bisbarra do Condado”, explicou o representante autonómico, que lembrou que na provincia de Pontevedra formouse a máis de 400 persoas nos últimos nove meses a través de vinte obradoiros de emprego que supuxeron un investimento de 6,6 millóns de euros.
Luis López trasladoulles os parabéns aos participantes, agradeceulles “a súa implicación dende o pasado mes de outubro e as gañas de aprender un oficio para mellorar os seus coñecementos laborais e outorgarse, de aquí en adiante, máis oportunidades no mercado” e amosouse convencido de que “aproveitaron axeitadamente todo este tempo para acadar oportunidades en dous sectores con moita saída laboral, especialmente no sur da provincia de Pontevedra”.
Neste senso, recalcou o “compromiso” da Xunta coa creación de emprego e a xeración de riqueza na comarca do Condado, “algo que demostramos ano tras ano con feitos, tal e como se confirma coa constante concesión de obradoiros e doutras iniciativas, como os 23 cursos AFD de formación para desempregados que desenvolvemos nesta zona dende o pasado outono”.
O obradoiro de emprego Coidar de Nós IV, compartido por Ponteareas e As Neves, celebrou os módulos de Atención Sociosanitaria, que centrou as súas prácticas no coidado de persoas dependentes en domicilio, e o de Actividades Auxiliares e Conservación e Mellora de Montes, que actuou no parque da Picaraña de Ponteareas e na Chan de Vide, pertencente ás Neves.
“Damos cumprida resposta ao que pide a cidadanía e ofertamos un programa de formación moderno, dual, orientado á xente sen traballo para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais recibiron unha remuneración durante nove meses e que contribuiron ao beneficio colectivo de todas e todos con obras públicas e atencións sociais a través das prácticas deste plan formativo”, concluíu o delegado territorial.