Empreganav achega a Vigo formación especializada a preto de 350 traballadores do naval a través de 100 cursos para promover a súa inserción laboral
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou hoxe na localidade olívica unha das accións formativas que se están a impartir no marco do proxecto autonómico de apoio ás persoas sen emprego do sector auxiliar do naval galego
O programa, cun orzamento de 3,2 millóns de euros, posibilita tres vías para xerar novas oportunidades de traballo: capacitación no propio eido do naval, emprendemento e cualificación cara outros sectores
As accións formativas están dirixidas ás especialidades con maior demanda laboral e que favorezan a competitividade tecnolóxica do naval
Vigo, 14 de xullo de 2022.- A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, visitou hoxe en Vigo o curso de formación en soldadura con eléctrodos revestidos de chapas e perfís de aceiro carbono con eléctrodos rutilo, que se enmarca no proxecto Empreganav. É unha iniciativa que a Xunta está a desenvolver nas comarcas de Vigo e Ferrol para apoiar a inserción laboral de 510 traballadores do sector naval afectados por procesos de despedemento entre maio de 2019 e febreiro de 2020 na industria auxiliar.
Mancha destacou que se trata dunha actuación que busca apoiar a reinserción laboral destes traballadores a través de tres vías: a mellora da cualificación no sector do naval, o emprendemento e a cualificación cara outras actividades económicas. As accións formativas están dirixidas ás especialidades con maior demanda laboral e que favorezan a competitividade tecnolóxica do naval.
Na comarca de Vigo toman parte no proxecto o 63% do total de participantes, é dicir, 327 persoas que na actualidade están inmersas no programa formativo e nas actividades de intermediación laboral. En concreto, na localidade viguesa leváronse a cabo máis de 4.400 horas de formación englobadas en máis de 100 accións formativas vinculadas con diferentes ámbitos. Así, realizáronse máis de 50 accións formativas sobre novas tecnoloxías, idiomas ou manexo de carretillas. Ofértanse tamén cursos en áreas alternativas ao naval, en industria 4.0, TIC ou electricidade industrial, entre outros. Na provincia de Pontevedra leváronse a cabo máis de 20 accións formativas vinculadas con este ámbito.
Así mesmo, impártese formación especializada no sector naval orientada á homologación dos diferentes tipos de soldadura, entre outros, con máis de 900 horas formativas. Ademais, para promover o espírito emprendedor desenvolvéronse tres cursos formativos co obxectivo de axudar ás persoas interesadas no autoemprego coa súa idea de negocio. Os cursos estiveron orientados á xestión empresarial, actitude emprendedora e oportunidades de negocio, creatividade e innovación empresarial e profesional.
Na visita ao curso de soldadura, Mancha, ademais de comprobar como o alumnado adquire diversas competencias, intercambiou impresións cos participantes na acción formativa para coñecer de primeira man como o proxecto está a repercutir na mellora da empregabilidade.
A directora xeral puxo en valor, deste xeito, o proxecto Empreganav, que a Consellería de Promoción do Emprego comezou a desenvolver en agosto de 2020 co obxectivo de crear recursos para incrementar as oportunidades laborais dos participantes.
Entre as medidas postas en marcha destacan a asistencia na procura dun emprego, a reciclaxe profesional a medida, a promoción do espírito empresarial, a asistencia con vistas ao establecemento por conta propia e as iniciativas para incentivar os desprazamentos e a inserción laboral.
Un paquete integrado de medidas
O investimento global do proxecto ascende a 3,2 millóns de euros, dos cales a Comisión Europea contribúe cunha axuda do 60 % e a Comunidade Autónoma de Galicia, co restante 40 %. Ademais do financiamento das diferentes actuacións, o proxecto inclúe un programa de apoio económico de ata 600.000 euros en axudas directas para a participación nas medidas deseñadas e a cobertura dos gastos nos que poida incorrer as persoas beneficiarias do proxecto.
Empreganav, en definitiva, ofrece, segundo sinalou Mancha, un paquete integrado de medidas co que se acompaña aos participantes desde o despedimento ata a súa reinserción no mercado laboral. O Plan de Medidas articúlase a través de catro fases: acollida e diagnóstico inicial; posta en marcha con programas de sensibilización, orientación, formación e incentivos; a prospección laboral co apoio á recolocación e a procura de oportunidades de negocio; e por último, a fase de seguimento personalizado ata a finalización.
O programa formativo co que se busca fomentar a empregabilidade inclúe cinco ámbitos: formación transversal, formación en competencias clave, formación en tecnoloxías, formación para a recualificación noutros sectores e formación para o autoemprego.