A Xunta clausura o obradoiro dual ‘Santiago Sustentable III’ no que 16 participantes deseñaron unha app de árbores senlleiras locais

A directora xeral de Formación para o Emprego e Colocación, Zeltia Lado, participou no acto de entrega de diplomas da actividade formativa
 

Puxo en valor a efectividade destas accións que permiten compatibilizar a formación coa percepción dunha remuneración e referendou o compromiso da Xunta por construír un “ecosistema formativo de primeiro nivel”
 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do Obradoiro de emprego xuvenil Santiago Sustentable III, no que 16 alumnos formáronse durante doce meses en mantemento e deseño de páxinas web, un proceso que culminaron co desenvolvemento dunha aplicación colaborativa coa que poñer en valor árbores singulares de Santiago de Compostela.

 

Zeltia Lado destacou o traballo realizado nesta acción formativa porque “pon a tecnoloxía ao servizo da valorización e da protección do patrimonio natural”. “O obradoiro que clausuramos hoxe é un gran exemplo do valor individual e colectivo dos programas de formación dual”, remarcou, á vez que lembrou que este tipo de actuacións teñen un efecto real e visible a curto e medio prazo que beneficia ao conxunto da sociedade.

 

“Vivimos nun momento no que abrirse camiño e manterse no mercado laboral é un proceso complexo, que require moita actitude e moita formación”, lembrou a directora xeral, que tamén destacou a oportunidade que brindan os obradoiros duais de aprender e aplicar os coñecementos a actuacións concretas, á vez que se percibe unha remuneración a cambio.

 

A representante de Formación para o Emprego referendou o compromiso do Goberno galego por “construír un ecosistema formativo de primeiro nivel” para poñer ao alcance da sociedade “a formación máis innovadora, os recursos de máis calidade e todas as oportunidades posibles”.

 

O obradoiro Santiago Sustentable III forma parte da convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para os anos 2021 e 2022, deseñada tendo en conta a importancia das medidas de reactivación económica e de recuperación do emprego mediante políticas activas, con especial fincapé na formación dual.

 

A Xunta destacou a colaboración municipal para axudar e orientar os programas que, no caso concreto Santiago Sustentable III, supuxo un investimento autonómico de case 370.000 euros.

 

Aplicación deseñada

Grazas ao obradoiro dual hoxe clausurado, as persoas participantes deseñaron unha aplicación que servirá como primeiro paso para proxectar un catálogo de árbores senlleiras en Santiago de Compostela.

 

A ferramenta dará a coñecer as especies arbóreas dos parques e xardíns públicos e identificará aquelas que pola súa historia ou tipoloxía son singulares.

 

Terá ademais un valor engadido, xa que este instrumento deseñouse cunha vocación colaborativa, é dicir, para que veciñas e veciños da localidade poidan participar coas súas propostas de exemplares singulares que estean no ámbito rural, en fincas particulares ou noutros lugares menos coñecidos.

 

“Creo que podedes estar moi satisfeitos de formar parte do equipo deste proxecto tan ambicioso, que vai estar ao servizo de toda a veciñanza que queira saber máis do patrimonio natural da cidade”, indicou Zeltia Lado.

 

A Administración autonómica seguirá a apostar por estes programas nunha nova convocatoria para o 2023, “xa que os obradoiros son un dos mellores e máis efectivos instrumentos para a mellora da empregabilidade das persoas que toman parte neles”, declarou a directora xeral. 

Imaxes relacionadas