A Xunta entrega os diplomas aos participantes no obradoiro de Ribadeo, no que investiu 347.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, salientou que o alumnado recibiu formación de calidade e contribuíu á promoción e desenvolvemento turístico do Camiño Norte

Ribadeo (Lugo), 27 de xullo de 2022

A Xunta de Galicia entregou hoxe os o seus diplomas aos alumnos do obradoiro de empregoRibadeo prepara o teu Camiño, promovido polo Concello ribadense e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 347.000 euros.

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto xunto co alcalde, Fernando Suárez. Arias sinalou que o taller contou con 20 prazas e impartiu as especialidades de Xestión de márketing e comunicación e Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos.

 

O alumnado tivo acceso a un contrato de traballo durante os nove meses de duración da actividade, que incluíu formación teórica e práctica de calidade da man de expertos. “Os obradoiros teñen en conta a realidade social e económica das zonas nas que se desenvolven e se adaptan á demanda das empresas da contorna”, salientou Arias. “Ao mesmo tempo”, dixo, “realizan obras e servizos moi importantes a nivel local”.

 

No caso de Ribadeo, explicou que o proxecto centrouse na promoción e desenvolvemento turístico do Camiño Norte con accións como o impulso de produtos audiovisuais multimedia coa marca Ribadeo alén do Camiño; o deseño da aplicación para móbiles Ribadeo prepara o teu Camiño, concibida para os peregrinos; a elaboración de sinaléctica dixital para mellorar a información aos visitantes e outras accións de difusión a través da internet.

 

A maiores, Arias lembrou que Ribadeo acolle paralelamente outro obradoiro financiado pola Xunta con 369.500 euros, Territorio Vivo, compartido co concello de Barreiros e que tamén rematará proximamente.

 

Anunciou ademais que a Consellería está a piques de notificar as concesións da nova convocatoria de obradoiros duais que permitirá formar unhas 1.600 persoas en Galicia con dúas grandes novidades: un incremento do orzamento do 23%, superando así os 42 millóns de euros, e un maior período de formación do alumnado, pasando dos 9 aos 12 meses de duración.

Imaxes relacionadas