A Xunta celebra unha nova mesa de emprego do persoal afectado polo peche de Barreras para avanzar na busca de saídas laborais

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comprometeu a posta en marcha dunha liña de traballo tendo en conta os perfís profesionais dos traballadores co fin de mellorar a súa formación e orientación laboral

 Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022  A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe unha nova mesa de emprego do persoal afectado polo peche de Barreras na que estiveron presentes representantes do comité de empresa e directivos de Armón Vigo, a compañía que adquiriu Barreras. A xuntanza, celebrada por videoconferencia, tiña como obxectivo continuar na procura da  busca de  saídas laborais para os preto dun cento de traballadores que non serán recolocados.

Así, Lorenzana explicou que no encontro desta mañá se comprometeu a elaboración dun documento de traballo que contemple liñas de formación e orientación laboral especificamente adaptadas aos perfís profesionais dos antigos traballadores de Barreras para, deste xeito, ampliar o abano de posibilidades á hora de atopar novas oportunidades no mercado de traballo.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade reiterou o apoio da Xunta para a reciclaxe profesional deste colectivo e destacou a cualificación que están a ofrecer os principais clústeres galegos a través dos convenios de colaboración asinados coa Xunta e aos que a Administración autonómica está destinar máis de 5,7M€ de euros para formar a 15.000 persoas a través de máis de 500 cursos nos que se imparte formación adaptada á demanda dos principais sectores produtivos de Galicia. E, ao fío, María Jesús Lorenzana avanzou que no marco destes acordos o clúster do sector naval Aclunaga e Armón asinarán un convenio de colaboración para a recualificación dos empregados de Barreras afectados polo despedimento.

A de hoxe é a segunda mesa de traballo que celebra a Xunta de Galicia coa representación sindical dos traballadores da antiga Barreras e directivos de Armón Vigo, logo do encontro celebrado o pasado 30 de xuño en Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas