A Xunta entrega os diplomas aos mozos que se formaron en novas tecnoloxías no obradoiro de emprego de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego vén de aprobar unha partida de 525.000 euros para financiar un taller dual na cidade que terá un ano de du-ración e está a piques de iniciar a selección de participantes

Lugo, 2 de agosto de 2022

A Xunta entregou hoxe os seus diplomas aos mozos e mozas menores de 30 anos que se formaron no obradoiro de emprego Start IOT 5.0, promovido polo Concello de Lugo e financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 369.500 euros.

 

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, sinalou durante a participación no acto que o taller contou con 16 prazas e impartiu as especialidades de Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web.

 

Grazas a este obradoiro da Xunta, os seus alumnos desenvolveron para o Concello de Lugo gran parte dos contidos multimedia da campaña LocaLmente Lucense, así como videos promocionais de máis de 50 comercios e locais de hostalaría de Lugo.

 

Subliñou que “os obradoiros ofrecen formación en ámbitos tan en auxe como as novas tecnoloxías, ao tempo que son unha ferramenta de servizo público para os municipios nos que se desenvolven, xa que combinan a teoría coa práctica profesional. No caso de Lugo, os alumnos traballaron na xeración de contidos dixitais e na creación e publicación de páxinas web.

 

Outra das vantaxes é que os participantes obteñen un certificado de profesionalidade con validez en toda España co que poden acreditar os coñecementos adquiridos a través desta experiencia.

 

Novo taller

Arias explicou que a Xunta acaba de aprobar unha partida de 525.000 euros para financiar un obradoiro dual de emprego dun ano de duración promovido polo Concello de Lugo coa denominación de Lugosostible 5.0.

 

Na selección dos participantes, que se realizará a partir de agora, terán prioridade aqueles con especiais dificultades de inserción no mercado laboral como mulleres, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, parados de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas en risco de exclusión social.

Imaxes relacionadas