A Xunta asina a declaración de emerxencia para a reconstrución das instalacións de abastecemento de Folgoso do Courel afectadas polos incendios, que suporán un investimento de 200.000 euros
Os traballos comezarán nos vindeiros días e contan cun prazo de execución de 2 meses
Rehabilitaranse as instalacións de abastecemento dos núcleos de Folgoso, Mazo de Santigoso, A Campa, Vilar, Vidallón e Vilamor
As obras inclúen a recuperación das captacións, a instalación de depósitos prefabricados e a reposición de conducións e arquetas, así como a instalación de varias bocas de incendio
Esta intervención do departamento presidido por Ethel Vázquez enmárcase no traballo da Xunta para acompañar e axudar aos veciños afectados polos lumes, a través das diferentes liñas activadas polo Goberno autonómico
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, asinou a declaración de emerxencia para a execución de obras hidráulicas destinadas a recuperar varias instalacións de abastecemento afectadas polos incendios das pasadas semanas no Courel.
Esta intervención da Xunta céntrase na reconstrución das instalacións de abastecemento no municipio de Folgoso do Courel e comezarán nos vindeiros días. As obras contan cun investimento autonómico de 200.000 euros e cun prazo estimado de execución de 2 meses.
Máis en detalle, actuarase na rehabilitación dos sistemas de abastecemento aos núcleos de Folgoso, Mazo de Santigoso, A Campa, Vilar, Vidallón e Vilamor. Augas de Galicia tamén levará a cabo a reposición e execución das bocas de incendio precisas para dispoñer de elementos de apoio na extinción de lumes.
As obras inclúen, polo tanto, a recuperación das captacións afectadas, a instalación de depósitos prefabricados e a reposición de conducións e arquetas, así como a instalación de varias bocas de incendio.
Esta intervención do departamento presidido por Ethel Vázquez enmárcase no traballo da Xunta para acompañar e axudar aos veciños afectados polos lumes, a través das diferentes liñas activadas polo Goberno autonómico.