Arias visita en Triacastela os voluntarios do programa ‘Xacobeando’, que dan visibilidade á inclusión e á solidariedade do Camiño

O delegado territorial enxalzou este plan europeo presentado pola Xunta, que no municipio lucense desenvolven cinco mozas e mozos doutras tantas nacionalidades, con actividades de integración e concienciación ambiental

Lugo, 15 de agosto de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou en Triacastela aos voluntarios do programa europeo ‘Xacobeando’, posto en marcha pola Xunta de Galicia, e que durante xullo e agosto desenvolven varias actividades para dar visibilidade á inclusión e á solidariedade, como conceptos que definen ao Camiño de Santiago.

 

Acompañando pola alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, e polo xefe territorial de Política Social e Xuventude en Lugo, Javier Vázquez Nodal, Arias interesouse polas actividades de concienciación ambiental, posta en valor do patrimonio natural e cultural e de integración de persoas con necesidades especiais que desenvolven os cinco voluntarios, procedentes de Italia, Letonia, Lituania, Eslovaquia e España.

 

Todos eles estarán en Triacastela ata o vindeiro 31 de agosto, data na que rematará este programa, que ten como obxectivo dar visibilidade ao CES (Corpo Europeo de Solidariedade) e aos proxectos de voluntariado europeos, ademais de difundir este programa entre a mocidade das zonas polas que discorre o Camiño.

 

Entre as actividades que están a levar a cabo destacan as que apostan por un Camiño inclusivo, centradas no acompañamento de grupos con necesidades especiais, para o que se contou co asesoramento e cun protocolo de actuación elaborado por Cogami. Tamén accións para fomentar un Camiño sostible, con actos de concienciación ambiental, ou que apostan pola creación de recursos dixitais sobre as experiencias no Camiño. Outras actividades desenvolvidas neste programa abordan a través da ruta xacobea a difusión do Corpo Europeo de Solidariedade ou a promoción do Camiño acolledor, coa axuda a peregrinos e hospitaleiros.

 

Ademais de Triacastela, municipio escollido como unha das etapas do Camiño Francés, outro dos concellos que recibirá aos voluntarios deste programa europeo é Palas de Rei, onde estarán outro dos grupos de mozos e mozas do 1 de agosto ao 30 de setembro.

 

Por outra banda, o ‘Xacobeando’ recalará tamén en Lugo e Baleira, para desenvolver este tipo de actividades e promocionar o Camiño, neste caso o Primitivo, os vindeiros meses de setembro e outubro. Ademais, o municipio de Chantada será outro dos escollidos para este programa europeo e para a divulgación do Camiño de Inverno, tamén durante os meses de setembro e outubro.

Imaxes relacionadas