Máis de 100 empresas están a participar no programa da Xunta "Responsabilízate" para impulsar a súa competitividade a través da responsabilidade social
A iniciativa, que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ofrece de xeito gratuíto unha diagnose, formación e asesoramento para que as compañías galegas poidan mellorar a súa xestión e competitividade
O prazo de solicitude continuará aberto na Sede Electrónica da Xunta ata esgotar as 180 prazas ofertadas
Como requisitos para participar, as pemes non poden superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou deben ter un balance anual inferior a 43 millóns
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade continúa a promover a responsabilidade social empresarial (RSE) a través do programa Responsabilízate, para axudar a unhas 180 pemes galegas a ser máis sostibles e impulsar a súa competitividade.
O programa permite asesorar de xeito gratuíto ás firmas participantes na incorporación de criterios sostibles á súa xestión a través da aplicación de valores ambientais, sociais e de gobernanza. A actuación, ademais, inclúe o acompañamento na posta en marcha de medidas que fomenten a igualdade de oportunidades.
Actualmente, as empresas xa inscritas, máis de 100, atópanse nunha primeira fase de diagnose para detectar os puntos fortes e aquelas áreas de mellora en materia de sostibilidade, ademais de coñecer en profundidade o seu modelo de negocio para poder aliñalo cos criterios e obrigas ASG (Ambiental, Social, e de bo Goberno).
As pemes interesadas en participar aínda están a tempo de facelo, pois o prazo de inscrición en Responsabilízate continúa aberto na sede electrónica da Xunta ata completar as 180 prazas previstas. Aquelas empresas que queiran ampliar información poden facelo a través da oficina técnica do programa no correo electrónico responsabilizate.emprego.igualdade@xunta.gal ou no número de teléfono 674 241 281.
Responsabilízate diríxese ás pequenas e medianas empresas que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter balance anual inferior a 43 millóns de euros. Con esta iniciativa, a Xunta reforza o seu compromiso no apoio ao tecido empresarial galego impulsando a súa competitividade nun contexto de transformación no que as prácticas como a xestión responsable das persoas, a adaptación a unha economía baixa en carbono, ou o desenvolvemento de condutas éticas na cadea de subministración, son claves para o posicionamento das empresas.
A aplicación de criterios de RSE reporta para a empresa beneficios tanto internos como externos. Dentro do seu propio funcionamento, incrementan a súa capacidade innovadora, a eficiencia de procedementos e baixa dos custos, unha maior xestión de crises ou a fidelidade tanto do persoal como da clientela, entre outros. Cara ao exterior, contribúese a mellorar a reputación das firmas, así como a abrir novas oportunidades de negocio, reducir riscos e mellorar as relacións coas comunidades locais.
Ademais, a Xunta pretende que as pemes se anticipen ás esixencias europeas en materia de igualdade laboral, transparencia, economía circular, dereitos humanos ou loita contra o cambio climático desde o mundo da empresa, a través do programa formativo de 20 horas ao que accederán as empresas beneficiarias de Responsabilízate a partir de outubro. Dentro desta formación tamén se inclúen cinco horas de asesoramento personalizado por parte de expertos para desenvolver unha folla de ruta.
A través deste programa, o Goberno galego persegue que as empresas sexan máis competitivas, facilitando a súa adaptación ás esixencias dos grandes clientes, do mercado de consumo e das novas obrigas sociais e administrativas, ao mesmo tempo que retén o talento empresarial na comunidade.