A Xunta fomenta a sostibilidade nas iniciativas empresariais a través do programa de mentoring Galicia Camiño Emprendedor
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, realizou unha etapa desde Vilalba ata Baamonde no marco deste programa que desenvolven a Administración galega e Fundación Ronsel
Destacou a oportunidade para os emprendedores de crear un novo plan de acción de acordo ao lema da andaina de hoxe Ecodeseño como punto de partida na definición de modelos de negocio sostible, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
Co lema 12 etapas, 12 retos, os participantes melloran os seus proxectos empresariais e conseguen contactos profesionais grazas ao apoio dos mentores e mentoras
Vilalba (Lugo), 31 de agosto de 2022.- A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe no percorrido da 8ª etapa do proxecto Galicia Camiño Emprendedor dirixido a impulsar o talento dos emprendedores galegos. O programa, que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración coa Fundación Ronsel, axuda ás persoas que queren iniciar un proxecto empresarial a través dun proceso de mentoring, todo elo tendo a realización de diferentes etapas do Camiño de Santiago como fío condutor.
Esta edición, bautizada co lema 12 etapas, 12 retos, conta coa participación dunhas 200 persoas entre emprendedores e mentores. A etapa do día de hoxe partía de Vilaba e chegou a Baamonde tras discorrer na xornada de onte entre as localidades de Abadín e Vilalba. En total, os asistentes recorreron 40 quilómetros do Camiño do Norte.
Todos os retos do programa deste ano están en consonancia con algún dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), co propósito de difundilos e convidar os participantes a integrar polo menos un deles nos seus obxectivos empresariais. Así, o percorrido desta 8ª etapa realizouse baixo o lema Ecodeseño como punto de partida na definición de modelos de negocio sostible, escollendo dous retos ODS: cidades e comunidades sostibles e a produción e consumo responsables.
Toca sinalou a oportunidade para os participantes de mellorar as súas iniciativas empresariais e xerar novos contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción se fora preciso, sempre co apoio dun mentor ou mentora.
O proceso de mentoring é a clave deste programa que, como resalta Toca, supón unha fórmula multiplicadora do talento que cimenta unha Galicia máis capacitada e cohesionada. Ademais a iniciativa permite o “intercambio de experiencias profesionais e vitais que contribúen a facer do emprendemento unha forza impulsora en Galicia”.
A próxima etapa realizarase os días 15 e 16 de setembro pola Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Catoira, sendo parte do Camiño da Ruta do mar de Arousa e o río Ulla. Nesa ocasión o programa centrarase na figura feminina co lema A muller emprendedora como figura dun desenvolvemento económico máis xusto para Galicia.
Galicia Camiño Emprendedor pechará esta edición coa chegada a Santiago de Compostela en decembro, coincidindo coa capitalidade da economía social que ostenta a cidade galega este ano. A iniciativa desenvólvese desde 2017 e conxuga a cultura galega co propósito de dinamizar o emprego e talento en Galicia.
Os interesados en participar nas próximas etapas poden inscribirse a través da propia Fundación Ronsel, a páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ou a Oficina do Autónomo de Galicia.