Persoas en desemprego de larga duración de Pontevedra poden inscribirse no programa ‘Emplearte’ ata o 23 de setembro para mellorar as súas oportunidades

A iniciativa, apoiada pola Xunta de Galicia e promovida pola Fundación Santa María la Real, ten carácter gratuíto e dá prioridades ás persoas maiores de 45 anos


Durante dous meses ofrecerá formación para o emprego en cuestións como o deseño de currículum creativo ou habilidades para enfrontar as entrevistas de traballo
 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2022

As persoas en situación de desemprego de Pontevedra ou os seus arredores poden formalizar a súa inscrición, ata o 23 de setembro, no programa Emplearte co que a Xunta, en colaboración coa Fundación Santra María la Real, quere contribuír a mellorar a empregabilidade, principalmente de persoas paradas de larga duración maiores de 45 anos.

Pontevedra acollerá, así, entre finais deste mes e de novembro, a segunda edición de Emplearte, un programa innovador co que se pretende impulsar unha busca de emprego máis creativa e diferencial. Para acadalo, as e os participantes asistirán a sesións presenciais e virtuais, onde recibirán asesoramento de especialistas para impulsar unha nova procura de emprego en equipo.

A través das diferentes dinámicas, potenciarase a orixinalidade e creatividade na configuración de currículos e se adestrará ás persoas participantes en habilidades para enfrontar entrevistas de traballo ou mostrar o seu potencial. Ante situacións de risco de cronificación do desemprego, trátase de que vivan o proceso de procura de traballo como un reto creativo e ilusionante e de que melloren a súa candidatura ofrecendo a mellor versión de si mesmos.

Poden participar no programa persoas en desemprego de longa duración, con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos; e terán prioridade as maiores de 45. Poden ter calquera nivel de estudos (Sen estudos, ESO; Formación Profesional, Bacharelato, grao universitario, etc.) e proceder de calquera sector laboral.

As persoas interesadas en participar neste programa, totalmente gratuíto, poden apuntarse en https://www.emple-arte.org/ ou de xeito presencial na oficina de emprego da rúa Benito Corbal.

A iniciativa conta co apoio económico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia con cofinanciamento do Fondo Social Europeo.