A Xunta avoga pola retención do talento para dar estabilidade e mellorar a competitividade empresarial
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, abriu en Santiago de Compostela o primeiro foro de tendencias na xestión de persoas organizado pola Asociación para el progreso y la dirección (APD)
Puxo en valor o Plan Galego de Formación para o Emprego ao que o goberno autonómico está a destinar este ano 117M€ co obxectivo de axustar a cualificación das persoas traballadoras ao que precisa o tecido produtivo
A Xunta está a destinar este ano 117M€ ao Plan Galego de Formación para o Emprego na aposta de adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás demandas do tecido produtivo. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na apertura do primeiro foro de tendencias na xestión de persoas organizado pola Asociación para el Progreso y la Dirección (APD), onde avogou pola necesidade da formación e da conciliación para reter talento e mellorar a competitividade empresarial.
“A retención do talento axuda a mellorar a estabilidade e a continuidade das organizacións, dous aspectos fundamentais para a competitividade empresarial”, defendeu a conselleira no acto no que enxalzou como valores seguros para gañar a confianza do persoal das organizacións “a sinceridade, transparencia, diálogo, escoita e participación”.
A representante da Xunta destacou que as persoas son esenciais para o desenvolvemento das empresas e, como actor decisivo, todos os grandes plans de futuro deben ter presente ao seu persoal. “A empresa do futuro será aquela que consiga situar as persoas no centro das súas estratexias, elas son o mellor activo”, defendeu.
Lorenzana avogou pola flexibilidade, a conciliación ou os modelos híbridos de traballo como “valor engadido para as novas xeracións”. Tamén reivindicou a capacitación e a re-capacitación do persoal traballador.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade impulsa este 2022 o Plan galego de Formación para o Emprego, dotado con 117 millóns de euros, un 77 % máis que no exercicio anterior. Trátase de ofrecer formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo a través de accións específicas para traballadores ocupados e para persoas desempregadas; bolsas e axudas para quen tome parte nas mesmas; o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas coa experiencia laboral; e novas convocatorias de Unidades Formativas en Empresas.
Tamén conta Promoción do Emprego coa Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, un instrumento sen precedentes para dotar de garantías de futuro tanto ás persoas traballadoras como ás empresas. ”Non debemos esquecer que o desenvolvemento de habilidades aumenta a retención e o compromiso dos colaboradores”, remarcou a conselleira.
O Goberno galego vén de desenvolver en 2021 unha fonda análise do mercado laboral galego a través do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes en Sectores Estratéxicos de Galicia. Esta radiografía sinala tanto as carencias formativas das persoas traballadoras como os novos nichos de mercado e actividades que as empresas precisan cubrir con perfís centrados maioritariamente en aspectos tecnolóxicos e dixitais.
Lorenzana quixo poñer en valor, por outra banda, o rol que APD con 20 anos de traxectoria desenvolve en Galicia como entidade de referencia para o tecido empresarial e corpos de dirección preocupados pola mellora continua do seu cadro de persoal, o progreso dos seus negocios e por unha maior competitividade.
Estratexia Xempre
Xerar máis e mellor emprego, sen perder de vista procesos como a transición dixital e a transformación laboral nin as necesidades do mercado e das persoas traballadoras son obxectivos da Administración autonómica, que está apoiar o emprendemento e a revolucionar a formación para o emprego a través da estratexia Xempre, unha planificación global que permitirá á comunidade seguir avanzando na senda do crecemento e crear emprego de calidade.
O documento ten como base o traballo coas capacidades das persoas e a colaboración público-privada. Conta ademais cunha Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego que está a iniciar a súa andaina para conectar á cidadanía coa rede autonómica de emprendemento e a oferta laboral da comunidade
Galicia está a modernizar o seu servizo de emprego que evolucionará cara ao uso da intelixencia artificial nos procesos de oferta e demanda de traballo para un maior e mellor emprego que manteña á comunidade na senda do crecemento.