O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou na xornada ‘Generación Senior, soluciones para un futuro pleno’
Puxo en valor os programas de universidade sénior ou os programas de voluntariado para que as persoas maiores teñan un papel activo na sociedade
O Goberno galego traballa na posta en marcha dun novo programa de viaxes, talasos e balnearios para desfrutar desta etapa das súas vidas e vivir novas experiencias
Tamén se aprobará antes de que remate o ano a Estratexia Galega de Atención á Soidade non Desexada para previr, detectar, visibilizar e buscar vías para atender ás persoas que están nesta situación
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na xornada ‘Generación Senior, soluciones para un futuro pleno’, organizada por Faro de Vigo e Mapfre. Durante a súa intervención, sinalou que o Goberno galego aposta por ofrecer ás persoas maiores a oportunidade de compartir todo o seu coñecemento e experiencia.
O director xeral destacou a necesidade de que os poderes públicos promovan unha vida activa e saudable das persoas maiores. Neste sentido, apuntou que a Xunta seguirá reforzando os programas universidade sénior, que permiten que as persoas maiores retomen ou inicien cursos universitarios, ou os programas de voluntariado sénior, para seguir aportando a súa experiencia e que deste xeito lle sexa útil a toda a sociedade.
O Goberno autonómico traballa tamén na posta en marcha dun novo programa de viaxes, talasos e balnearios que lle permitan ás persoas maiores desfrutar desta etapa vital e vivir novas experiencias. En definitiva, Antón Acevedo reivindicou a necesidade de poñer en marcha iniciativas que permitan manter un ritmo de vida activo, aprender novas disciplinas e ter novas oportunidades.
Ademais, a Xunta presentará nos próximos meses a Estratexia Galega de Atención á Soidade non Desexada coa que se buscará previr, detectar, intervir, visibilizar e buscar vías de cooperación para atender ás persoas en situación de soidade non desexada. Galicia converterase así na primeira comunidade en contar cun documento destas característica.
Atención a maiores
O director xeral lembrou que o Goberno galego conta cunha ampla rede de programas e servizos para, de ser necesario, as persoas maiores conten coa atención necesaria e poidan seguir vivindo onde prefiran. Neste sentido, enumerou os programas como as casas do maior, o programa Xantar na casa ou o Servizo de Axuda no Fogar, que permiten que reciban coidados e atencións nos seus propios domicilios.