A Xunta pon en valor no ‘Pont Up Store’ os apoios ao emprendemento e o emprego na economía social
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na inauguración deste evento que se celebra na praza de España de Pontevedra
O Goberno galego está a destinar este ano máis de 35M€ a impulsar a economía social como mecanismo de emprendemento vencellado co territorio
A Xunta organizará no ‘Pont Up’ deste ano un trivial que servirá para coñecer a información que ten a poboación sobre o sector
A Rede Eusumo, unha iniciativa da Xunta que cumpre 10 anos asesorando e informando sobre este modelo empresarial, estará presente no recinto
A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participou hoxe na inauguración do evento Pont Up Store que se celebra en Pontevedra, ocasión que aproveitou para destacar o compromiso da Xunta no apoio ás iniciativas empresariais e ao emprego no eido da economía social, á que está a destinar este ano máis de 35 millóns de euros.
“A Xunta está a impulsar e coordinar as políticas de emprendemento coa creación da nova Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego e a posta en marcha dunha Rede de Polos de Emprendemento de Galicia co obxectivo de fomentar a iniciativa empresarial, dinamizar o mercado de traballo e fixar emprego e poboación atendendo á demanda dos diferentes territorios”, declarou Ardao, quen fixo énfase en que, a través desta rede, fomentarase o desenvolvemento da economía social “prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego” no sector.
Un dos obxectivos estratéxicos para o Goberno galego pasa por potenciar o emprendemento no territorio e o reforzo das políticas de apoio ás persoas traballadoras autónomas e á economía social. Visibilizar e difundir os beneficios e fortalezas do emprendemento como fórmula de éxito en Galicia e alternativa ao traballo por conta allea é fundamental para favorecer este impulso.
A economía social é forza clave no mercado laboral galego con máis de 7.000 entidades e empresas galegas das que se crearon só no último ano preto de 175 novas iniciativas.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a apoiar estas fórmulas de emprendemento con máis de 35 millóns de euros este ano (un 6,1% máis que en 2021).
Entre os programas postos en marcha en 2022 polo departamento autonómico, aínda poden solicitarse ata o próximo 30 de setembro as axudas dos bonos Consolida (con 1,5 millóns para apoiar a transformación dixital e mellora enerxética) e Es-Transforma (con 1,5 millóns para impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional); e os apoios do Aprol Economía social, ao que se destinou neste exercicio 3,8 millóns para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores en activo a cooperativas.
Trivial
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organizará este sábado un trivial no Pont Up sobre economía social. En horario de 11,00 a 13,00 horas, a actividade pretende analizar o coñecemento que ten o público sobre o sector. En concreto, o xogo ten como obxectivo que as persoas asistentes sexan conscientes dos seus coñecementos sobre este modelo de negocio, ao tempo que permitirá obter datos para un pequeno estudo sobre a información que ten a poboación neste eido.
A actividade estará accesible para as persoas asistentes a través do seu teléfono particular cun código QR ou a través dunha pantalla que estará a disposición dos participantes, que irán respondendo as distintas cuestións que se lles formulan, identificadas en distintas cores segundo o tema: categoría xeral (azul), cooperativas (amarelo), sociedades laborais (laranxa) e centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral (verde).
As diferentes cuestións teñen tres posibles resposta, pero só unha é a correcta. O tempo previsto para contestar a todas será de 15 minutos e, unha vez finalizado o tempo ou contestadas todas, figurará de maneira global o número de acertos e de erros. Co fin de fomentar a participación e o interese do público, as cinco persoas que obteñan máis acertos en menos tempo recibirán un obsequio.
Rede Eusumo
No evento tamén haberá unha zona habilitada dentro da caseta da organización do Pont Up Store para a promoción da Rede Eusumo, unha iniciativa de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia, que cumpre agora 10 anos, para o fomento e o desenvolvemento da economía social e coa que se procura a promoción do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.