A Xunta pon en valor os apoios á economía social que neste 2022 supoñen un investimento por riba dos 35 M€
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou en Narón nun encontro sobre Economía Social e Emprendemento no que destacou o nacemento de 174 iniciativas no sector nun ano
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a apoiar a transformación enerxética e dixital, o relevo xeracional e o emprego de persoas desempregadas nas entidades que, como dixo, representan o 7% do PIB galego
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na xornada de difusión Economía Social e Emprendemento celebrada no Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón, onde destacou o potencial de esta fórmula económica en Galicia, con preto de 174 iniciativas de negocio creadas no último ano.
Toca afirmou os apoios da Xunta de Galicia á economía social, por se tratar dunha “forza clave” do mercado laboral galego que aglutina máis de 7.000 entidades e empresas. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar en 2022 un investimento de máis de 35 millóns de euros en apoios ao sector, unha contía que supera en máis do 6% á de 2021.
Entre os programas postos en marcha este ano polo departamento autonómico, Toca destacou os bonos Consolida, con 1,5 millóns para apoiar a transformación dixital e mellora enerxética; e Es-Transforma, con 1,5 millóns para impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional. Puxo en valor tamén as achegas do programa Aprol Economía Social dotado con 3,8 millóns co obxectivo de fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores en activo a cooperativas.
Rede Eusumo
A Xunta está a apoiar tamén este ano con preto de 700.000 euros o labor dunha trintena de entidades que forman parte da Rede Eusumo, unha iniciativa do Goberno galego -que destacou no acto a secretaria xeral- que desde hai dez anos contribúe a impulsar estas iniciativas. A convocatoria de 2022-2023, resolta recentemente, suporá un investimento dun 7,7% superior á de 2021 e grazas á mesma poderanse financiar máis de 200 actividades de promoción da economía social.
Como novidade nos apoios a integrantes da Rede Eusumo, este ano incorporouse como criterio de valoración específico “o feito de que as actividades formativas se dirixan ao emprendemento na economía social de persoas menores de 30 anos”, indicou Toca, quen rematou dicindo que “a economía social ten acreditada a súa capacidade para xerar emprego e ocupa un rol primordial na economía galega, xa que representa o 7% do PIB”.